Resultados electorais na noite do domingo

Estou a facer un seguimento dos resultados electorais e coido que ás 21:40 horas (co 45,64% do voto escrutado) xa está todo o peixe vendido, reforzándose o PSOE a...

Estou a facer un seguimento dos resultados electorais e coido que ás 21:40 horas (co 45,64% do voto escrutado) xa está todo o peixe vendido, reforzándose o PSOE a nivel estatal:
Primeiros resultados estatais
Estes resultados son impresionantes: ¡suben o PP e o PSOE! O PSOE incrementaría a súa representación en 7 escanos e o PP en 2, que parecen vir de ERC e o PNV, o que se podería interpretar coma un tirón de orellas ós nacionalismos máis radicais.
A nivel galego sorpréndeme ver que o PP perde un escano, de xeito que o PSOE e o BNG manteñen a súa representación.
Dende Melide, co 30,47% do voto escrutado, os resultados amosan que o PSOE se mantén e un 6% dos votos do PP van a parar ó BNG, o que resulta digno de análise:
Primeiros resultados melidenses

¿Qué pasará agora? Porque o caso de que tanto PP coma PSOE melloren os seus resultados non deixa nada claro a dirección que teñen que tomar os partidos (especialmente o PP). ¿Chegará o PSOE a un pacto de goberno firme ou optará por gobernar en solitario?

ACTUALIZACIÓN (22:00 horas): Os resultados continúan iguais a nivel estatal e autonómico, mentres que en Melide (co 55,47% do voto escrutado) se ve que o trasvase de votos do PP ó BNG é de preto do 9%:
Segundos resultados en Melide

ACTUALIZACIÓN (22:30 horas): Ó aumentar o número de votos escrutados comezan a cambiar lixeiramente os resultados provisorios.
Parece que o PP aínda mellora máis do pensado os seus resultados, incrementando en 7 os seus escanos, mentres que o PSOE reduce o seu aumento de representación en só 3 escanos:
terceiros resultados estatais
En Melide (co 85,31% do voto escrutado) o PP atenúa o seu traslado de votos ó BNG, que quería nun 7%, mentres que o PSOE parece que mellorou un pouco os resultados de 2004:
terceiros resultados melidenses

ACTUALIZACIÓN (23:10): Os resultados son case definitivos, e a nivel estatal e autonómico queda todo igual co 91,38% do voto escrutado, pero a nivel galego quixera destacar que apenas cambiaron os resultados con respecto a 2004 (o PP perde un 3% dos sufraxios que se reparten PSOE e BNG).
En Melide (co 91,23% dos votoso escrutados) a cousa tamén queda todo como estaba hai media hora:
cuartos resultados melidenses
A primeira consecuencia dos resultados a nivel estatal parece que está en Izquierda Unida, que deixa de ter grupo parlamentario. Llamazares xa anunciou que non se volverá a presentar. Coido que este cambio vai converter a España nun país relativamente bipartidista, pois nos informativos televisivos estatais xa non aparecerá unha terceira forza, IU, pois o resto de grupos parlamentarios teñen ámbitos autonómicos.

ACTUALIZACIÓN (23:55 horas): Non hai apenas cambios nos resultados co 96,04% dos votos escrutados, agás pola posibilidade de que IU quede só en 2 escanos:
resultados case definitivos
Podemos entender así que estamos ante resultados definitivos. Noraboa a tódolos premiados 😉

ACTUALIZACIÓN (o día despois): Os resultados finais confirman que en Melide preto do 7% dos votantes pasaron do PP ó BNG:
resultados definitivos en Melide
A nivel galego, a nivel percentual a cousa cambiou pouco:
resultados case definitivos de Galicia
En números absolutos, o BNG subiu 354 votos, o PSdeG incrementou os seus apoios en 1.325 sufraxios e o PP perdeu 94.969 votos, o que se traduciu na perda dun escano nunha das comunidades feudo do PP.
A nivel estatal as cousas quedaron así:
resultados case finais a nivel estatal
Tanto o PP coma o PSOE subiron 5 escanos, polo que non se sabe moi ben cómo será o futuro do PP: ¿seguirá coma está ou camiñará cara a unha renovación? Todo apunta ó segundo (pois medrar en apoios non é gobernar).
Triste é o de Izquierda Unida, que ó baixar a 2 escanos podería seguir os pasos do CDS, pois desaparecerá totalmente dos medios, quedando á altura do BNG e de Coalición Canaria pese a contar con moitísimos máis votos. Iso tamén confirma que en 2004 IU non perdera os votos polo efecto do 11-M, pois continúa baixando (perder 321.041 non é unha carallada).
Queda tamén a dúbida de se UPyD se consolidará coma partido a longo prazo ou será a anécdota da lexislatura. Non esquezamos que se vai a integrar no grupo mixto, onde a meirande parte das forzas son nacionalistas (e que van en total oposición á orientación de Rosa Díez).
Agora a xente pregúntase se haberá pacto PSOE-CiU para gobernar, ou o PSOE apostará polos pactos puntuais. Coido que a baixada de IU vai entorpecer os pactos de goberno, de xeito que ó PSOE non lle quedará máis remedio que achegarse ós nacionalismos.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS