A última edición de TEDxGalicia, correspondente ao ano 2014 aínda que se celebrase en xaneiro de 2015, foi unha auténtica pasada, por acoller o que considero que foi a mellor charla que se deu na historia deste evento anual, grazas ao magnífico xeito que tivo Iñaki Quenerapú de contar a súa experiencia cos Imperial Stormtroopers, indo máis alá do frikismo, e poñendo un magnífico exemplo de dinámicas de tribo.
Repaso hoxe este encontro porque hai poucas horas que remataron de publicarse os vídeos desta edición, que están dispoñibles na canle oficial de YouTube de TED.
Pero este encontro tivo máis relatorios interesantes para os amantes da tecnoloxía coma min, como a primeira intervención da tarde por parte dos irmáns Marcos e Enrique Saavedra, que explicaron ao público o crecente fenómenos dos Makers, que con todo iso das impresoras 3D e as cortadoras láser están a dar lugar a toda unha revolución da que escoitaremos falar moito nos vindeiros anos:
Tamén gustei bastante da exposición de Iván Gómez de Classora, xa que soubo explicar dun xeito moi claro conceptos como big data e open data, dos que se fala habitualmente dun xeito tópico, pero que son realidades a ter en conta:
«Friki si, pero con dignidade»
Pero a grande charla foi sen dúbida a de Iñaqui Quenerapú, quen colleu o seu proxecto de celebración do 30º aniversario de O Imperio Contraataca mediante un desfile de soldados imperiais polas rúas de Compostela para explicar a teoría de tribos que sostén Seth Godin, ou sexa, que puxo un magnífico exemplo de como as redes sociais facilitan o desenvolvemento de tarefas inabarcables para un pequeno equipo, pero que grazas ao poder da masa poden levarse adiante:
De seguro que despois de ver o vídeo xa estades desexando que incorporen a Iñaki como figura oficial de Star Wars.
Igual até colaba como unha versión nova de George Lucas!
Debe estar conectado para enviar un comentario.