O pasado venres a axenda de eventos tecnolóxicos en Galicia estaba a rebentar, coincidindo as datas da LaconNetwork en Cabana de Bergantiños, o Culturgal en Pontevedra e o TEDxGalicia en Ourense, e tendo que elixir, eu quedei con esta última proposta, que pese a quedarme moi lonxe da casa, está a converterse en todo un referente cos seus relatorios sobre Tecnoloxía, Entretemento e Deseño en intervencións de 18 minutos.

¡Batmaaaaan!
O primeiro relator en saír á palestra foi Ricardo Capilla, quen presentouse ante a audiencia como un marciano, e quixo defender a diversidade como camiño para fuxir da mediocridade, e pese a ser un dos persoeiros de máis nome do encontro, foi o que causou un menor impacto, pois a entrada en escena de Mónica Moure de Ceo Aberto, lanzando (¿ou eran bombóns?) ao público para falar do azar, a confianza e as oportunidades, cunha boa oratoria, unha voz moi radiofónica (a algúns lembráballes a Julia Otero) e cunha imaxe na que preguntábamos sobre o rol que queremos tomar na vida tomando como referentes a Batman, Bruce Wayne ou Robin gañouse aos presentes, que só puxeron unha pega á súa charla:

Dios mata un gatito cada vez que alguien nombra a Jobs en una presentación… (esta mensaxe en Twitter de Alberto Alonso Ruibal foi unha das máis populares durante a xornada).
Totalmente esquecible foi a intervención do creativo Miguel Castro de Enyiris, non porque tivese uns contidos pouco interesantes, senón porque pasou todo o rato sen levantar a mirada porque estaba a mirar a súa presentación en vez de ser el o protagonista. Chegou incluso a pasar un bo anaco de costas ao público, o que facía moi difícil prestarlle atención e terlle respecto. Tamén era lamentable que a súa presentación, pese a ter moi pouco texto, utilizase unhas fontes dun tamaño ridículo que facía imposible a súa lectura. Todo un exemplo de como non facer unha presentación en público.
¡Ghaiteiro, ghaiteiro!

Carpintero atreveuse a pasar olimpicamente do protocolo do evento, saíndose do espazo marcado para os oradores para sacar do seu baúl unha lámina cun fragmento de ADN e mesmo unha gaita da que fixo unha demostración agasallándonos cunha peza. ¡Todo un crack!

Entre as cousas que comentou figuran anécdotas que moitos sentirán como propias, como o feito de que un bo profesor pode facer que te entusiasmes por unha disciplina que poida definir o teu futuro profesional, e incluso espetou frases tan rechamantes como que
Meu pai empezou sendo matachín de porcos e acabou sendo catedrático de matemáticas
Despois de Mónica Moure e Pablo Carpintero, Javier Cebreiros tívoo moi difícil para poder destacar, e incluso tivo que facer fronte a problemas técnicos ao comezo da súa presentación, pero finalmente saíu todo ben e conseguiu transmitir algúns consellos sobre a comunicación e deixar algúns conceptos como que a identidade e a innovación son importantes para trunfar.
Debe estar conectado para enviar un comentario.