Dark Horse salda os comics dixitais de Star Wars

Aínda que continúa a coleccionar algunhas cousas en formato físico, son un grande defensor dos soportes dixitais polas vantaxes que teñen á hora de localizar, transportar e acumular o...

Aínda que continúa a coleccionar algunhas cousas en formato físico, son un grande defensor dos soportes dixitais polas vantaxes que teñen á hora de localizar, transportar e acumular o material, especialmente nun momento no que os seres humanos temos mobilidade xeográfica e vivendas de tamaño reducido, pero hai unha cousa que me molesta moito dos formatos descargables: a súa inseguridade. A que me estou a referir? Pois principalmente ao feito de que a meirande parte dos produtos que mercamos en descarga non son realmente produtos, senón servizos, de xeito que non chegan a ser da nosa propiedade, o que impide que poidamos emprestar as nosas coleccións aos amigos ou vendelas. Pero esa problemática é só unha das caras, pois pola outra está que a compañía que ofrece o servizo pode ocasionarnos máis dun desgusto, como pechar ou, simplemente, perder os dereitos de explotación dunha obra.

O caso do peche é o máis grave, pero o dos dereitos tamén é problemático, xa que resólvese de distintos xeitos: por unha banda hai compañías que só cesan a venda do produto, pero seguen a permitir a descarga de copias previas, pero hai outras que cortan polo san. En calquera caso, as obras deixarían de estar dispoñibles a longo prazo, por cambios futuros de formato ou das aplicacións empregadas para a lectura das obras. Un problemón de grandes proporcións, que están a pór en dúbida os formatos do futuro, no que entendo que é unha situación na que os lexisladores terán que meter man dalgún xeito garantindo os dereitos dos consumidores.

probando un disco de PlayStation nunha PS4Cando falamos de videoxogos a cousa está a chegar a situacións surrealistas, de xeito que se queremos gozar dun xogo vello en máquinas novas teremos que estar a mercado constantemente, xa que a nosa adquisición orixinal non se mantén para plataformas futuras, o que non deixa de ser un abuso. Cando antes mercabas un xogo para PlayStation, logo podías gozar do mesmo en PS2 e PS3, pero agora, coa PlayStation 4 non pode xogar a ningún xogo de consolas anteriores. Noutros tempos poderiamos pensar que permitir o uso de xogos vellos suporía un custo que encarecería a consola, pero hoxe iso non é certo, xa que a PS4 ten potencia de sobre para correr xogos das dúas primeiras PlayStation emulándoas por software. Se incluso unha tableta con Android pode emular a unha PlayStation!

Pero ao falarmos de software a cousa pode entenderse, pois está claro que nunca chegamos a posuír o produto, senón simplemente unha licenza de uso. A polémica chega cos produtos culturais, que até o momento estaban ligados a un soporte físico autosuficiente, polo que non padecía da obsolescencia (con certas limitacións) especialmente no caso do papel. Estaremos preparados para dar o salto?

Dark Horse di adeus a Star Wars

Dark Horse di adeus a Star Wars

Pero os que confían no cómic dixital, e non teñen medo á perda do material nos formatos sen soporte, temos estes días unha oportunidade moi especial, pois o 1 de xaneiro Dark Horse Comics vai perder os dereitos das bandas deseñadas de Star Wars (franquía que agora pertence a Disney, compañía propietaria da Marvel), e para pode espremer a vaquiña até o último minuto lanzan unha promoción na que os comics, que xa custaban menos que o seu prezo de portada, pasan a venderse pola metade do prezo habitual.

todos os comics de Star Wars por 300 dólares

tableta ARCHOSEstamos ante 28,353 páxinas (non me preguntedes como é posible que o número non sexa múltiplo de 4, porque non o investiguei) que poden mercarse todas xuntas nun megalote por 300 dólares (246,37 euros), o que é unha ganga brutal, xa que o prezo de portada dos exemplares sería  de 2.714,34 dólares. Estamos ante unha boa ocasión para completistas, para os que queiran empaparse de toda esa mitoloxía galáctica que vai pasar ao esquecemento (Disney renega do universo expandido de Star Wars) ou para os que queiran ter toda esa cantidade de material nun espazo moi reducido, pois os comics estarán dispoñilbe tanto a través da web como en aplicacións para iOS e Android, ou sexa, que non desbotaría que alguén mercase unha tableta como a ARCHOS 97 Platium HD (que ten unha pantalla IPS de 9,7” cunha resolución de 2.048 x 1.536 píxeles, moi válida para a lectura de comics, e que estes días venden en Opirata por só 112,69 euros) para instalar a aplicación de Dark Horse e descargar todos os contidos para gardalos para a posteridade (sospeito que no caso dos dispositivos con Android os contidos descargables teñen certas facilidades para conservarse).

cómic de Star Wars en españolSobra dicir que as edicións dixitais dos comics de Star Wars están na súa meirande parte en inglés, agás unha pequena selección de mini-series que si están dispoñible en español, o que non deixa de ser unha mágoa. O mercado do cómic dixital continúa a ter carencias de cara á súa globalización, o que carece de sentido no contorno dixital. Se os xogos descargables de PlayStation e Xbox se compran directamente a Sony e Microsoft respectivamente, por que na banda dixital os editores locais están a pór atrancos? Supoño que é porque temen a súa desaparición, pero dou por feito que é inevitable. As editoriais españolas no futuro só venderán material español, e os contidos importados chegarán directamente da súa casa matriz.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS