Heroes da banda deseñada na Coruña

Continuando a festa no Alita Comics do Orzán, onte pola tarde tivemos a David Rubín presentando os seus álbums El Momento de Aurora West e o segundo volume de...

Rubín presentando as súas novas obras

Continuando a festa no Alita Comics do Orzán, onte pola tarde tivemos a David Rubín presentando os seus álbums El Momento de Aurora West e o segundo volume de Las Tripas de El Héroe, o que levou a moitos seareiros do autor a achegarse polo establecemento coruñés.

Os exemplares da historia ambientada no universo de Battling Boy xa levaba uns días á venda, pero o tomo de Las Tripas non saía oficialmente até a semana que vén, e con certo esforzo, conseguiron traer unha chea de números a tempo para a presentación, así como unhas poucas camisetas de El Héroe, das que agasallaron un par aos compradores dalgunhas das obras de Rubín.

Rubín con Sanmi

O encontro volver a ser toda unha festa (a terceira en preto dun mes!), con petiscos e bebida, un bo ambiente en xeral, e bastante presenza de autores galegos, como é habitual neste tipo de eventos, e que alí comparten comentarios e impresións. Chega con falar un par de minutos con algún deles para ver que están a esforzarse moito para traballar nun sector que a sociedade non sabe apreciar como é debido. Poderiamos dicir que os traballos de Heracles son xogos de nenos se as comparamos co que fan os auténticos heroes que temos no mundo da banda deseñada. Poder pórlles voz e cara en xornadas deste tipo está moi ben para todos os que gustamos da novena arte.

David Rubín debuxando

Rubín foi moi atento cos seus incondicionais, e pasou bastante tempo dedicándolles as súas obras, adornándoas cunhas ilustracións moi curradas feitas a todo filispín. É impresionante ver o áxil que é debuxando Rubiń, e o bo resultado que consegue incluso debuxando personaxes que non son de creación propia (como os que podemos ver en El Momento de Aurora West).

É todo un pracer para os que se achegan a un encontro deste tipo poder volver a casa cunha ilustración dun autor ao que admiras, que converte ao novo cómic que vés de mercar nunha peza que gardar na colección durante toda a vida. Con agasallos deste tipo é como os autores gañan seareiros, e dubido que haxa un mellor xeito de promoción (aínda que por desgraza ese tipo de proximidade é imposible ao chegar a certos niveis, o que en ocasións lévanos a ter unha imaxe pouco fiel da persoa que temos diante).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS