Despois de que anticiparan numerosos detalles nas Metrópoles Delirantes, era moita a expectación ao redor da publicación dixital O Botafumeiro, que collería o relevo de proxectos como a revista Retranca e emularía o formato de distribución de Orgullo y Satisfacción, atrevéndose a venderse a través da Internet.
Esta nova revista recolle traballos de Roque Romero, Bernal Prieto, Xiomara Correa, Antonio Tejerina, Jano, Fernando Ruibal, Alberto Guitián, Martín Romero, Ana Santiso, Brais Rodríguez, Tayone, Murray McKinley, Manel Cráneo, Berto Fojo, Kaz, Rodrigo Cota, Diana López e Cristo Aleister, polo que resulta complicado describir o que podemos ler nesta publicación que podemos descargar en formato PDF e CBR, xa que o material é moi variado, que vai dende o repaso de tópicos de Olaf e Barbagurú até as anécdotas de Nacho Camacho, pasando por ilustracións con crítica política e artigos en formato texto.
Para que botedes un ollo ao que ofrece a publicación, e dado que non pode ollarse nos quioscos, escolmo aquí algunha páxina para que vos fagades unha idea:
Espero que vos animedes a soltar os 1,5 euros que vale este primeiro exemplar, para contribuír a que este proxecto sexa economicamente sustentable, pois as revistas satíricas teñen unha función que cómpre reivindicar, e todos os esforzos que se fagan para mantelas vivas son de agradecer.
Debe estar conectado para enviar un comentario.