A congregación de amantes da banda deseñada na Coruña serviu para que Viñetas desde o Atlántico acollese numerosas presentacións no seu seo, entre as que destacaría especialmente as da escola profesional de banda deseñada de Pontevedra, a xente do Botafumeiro ou incluso os responsables do filme Estipe.
O Garaxe Hermético
Kiko da Silva aproveitou a celebración de Viñetas para organizar varios actos. Por unha banda, presentou o seu último álbum, El Infierno del Dibujante, unha obra tan experimental como recomendable na que explora distintos estilos gráficos dentro dunha historia que garda certos paralelismos cos mockumentaries (ou falsos documentais). Na charla de Kiko contou tanto o proceso que levou á creación da obra coma o seu curioso xeito de promocionala, conseguindo incluso viralizar un vídeo sobre o tema que algún chegou a tomar por certo.
Cómpre salientar que durante Viñetas Kiko tamén dedicaba exemplares da obra cunhas ilustracións en branco sobre negro realmente coidadas, que son unha auténtica marabilla; pero non deixou de lado aos seus rapaces, e ao pouco de comezar o festival recibiu os primeiros exemplares de 221BD, un álbum que recolle varias historias baseadas na figura de Sherlock Holmes e elaboradas por varios equipos de estudantes do Garaxe Hermético, sendo posiblemente un dos cómics imprescindibles desta edición de Viñetas. Coido que a obra pode marcar un fito, de xeito que dentro duns anos a lembraremos como a que marcou un antes e un despois para as novas xeracións de autores de BD galegos.
A presentación de 221BD tamén se realizou en Viñetas de xeito conxunto a un acto no que se entregaban os diplomas para os primeiros titulados do Garaxe Hermético, á vez que os últimos alumnos tamén recibían o recoñecemento ao seu bo facer no último ano co acto de entrega das plumas de ouro e prata que destacan aos alumnos que tiveron un mellor desempeño no último ano. Esperemos que sexa o primeiro de moitos recoñecementos para eles.
Presentacións: Estirpe, O Botafumeiro e Demo Editorial
Tras conseguir financiarse a través de micromecenado, a película Estirpe camiña cara a converterse nunha realidade, e para abrir boca presentouse en Viñetas nun acto no que participaron Adrián López, David Gómez, Iván L. Gimeno e Xurxo G. Penalta, para contar a súa aventura neste proxecto que consiste en facer unha longametraxe sobre un cómic ficticio (recreado por Xurxo G. Penalta, que sería algo así como o Mike Allred de Adrián Smith López) e presentar un vídeo de adianto que por fin temos dispoñible na Rede:
Ricardo Mena, Jano Viñuela e Cristo Aleister tamén pasaron pola carpa de Viñetas para dar conta do rexurdimento da súa revista satírica O Botafumeiro; e aínda que houbo bastantes máis presentacións alí, as outras que tamén salientaría serían as de Demo Editorial, que deu conta da continuación dos volumes que narran a biografía de Castelado Castelao (da que xa van 4 números) e a presentación das novidades da colección Häinös, como son o DestiNo HeRgüsS e Os que Levan o Lume, así como a confirmación de que Sälpock continuará até conformar a súa prometida triloxía.
Debe estar conectado para enviar un comentario.