O lanzamento dos novos iPhone 6 e iPhone 6 Plus chegou acompañado por varias polémicas, como son que iOS 8.0.1 convertía virtualmente aos novos teléfonos nun iPod touch (impedíndolles recibir e realizar chamadas), que iOS 8 continúa repleto de fallos (e iso que estivo meses en probas) e, finalmente, o bendgate, que foi toda unha sorpresa xa que, tras comprobarse en vídeo que o iPhone 6 Plus podía dobrarse directamente coas mans (algo que alguén con 2 dedos de fronte sabe que pode facerse con moitos outros trebellos) gañou a sona de que era doado de dobrar, ruxerruxe que en poucas horas chegou ao público xeral.
A cousa parece que está a chegar uns niveis preocupantes, xa que incluso hai xente que está a probar a xente nas tendas, como uns rapaces de 15 anos que atrevéronse a gravarse nunha Apple Store estragando un iPhone 6 Plus:
Un pouco de sentidiño! Acaso alguén atreveríase a forzar un teléfono de tapa para que a bisagra rachase? Este tipo de tolerías temos que deixarllas a Uri Geller, psíquico que incluso asegura ser quen de dobrar un terminal de BlackBerry coa mente: 😀
Non son eu precisamente quen debe saír en defensa de Apple, pero que os dispositivos electrónicos poden racharse e dobrarse facendo o cabestro non é algo novo. Non deixemos que un troleo se converta nun tópico sen fundamento, e volvamos a valorar os nosos trebellos polo seu rendemento e o seu desempeño real, e non por catro animaliños que parecen xustificar rachar un móbil polo mero feito de que un Samsung GALAXY Note 3 sexa máis resistente ao dobrado que un iPhone 6 Plus polo mero feito de ser de plástico (xa veremos se o GALAXY Note 4 se comporta igual). Agora só queda que se poña de moda que os forzudos, en vez de rachar guías telefónicas, dobre teléfonos!
Debe estar conectado para enviar un comentario.