Durante a xornada de hoxe casualmente descubrín dos vídeos musicais de cantantes femininas que non seguín na vida, que non me interesan un carallo, pero que me fixeron aplaudir o seu traballo dende o punto de vista audiovisual.
Black Widow vs. Kill Bill
Un deses vídeoclips é o de Black Widow de Iggy Azalea con Rita Ora, que grazas á participación de Michael Madsen consegue quedar como unha parodia de Kill Bill:
Break Free vs. Barbarella
Pero o vídeo que máis me sorprendeu foi o de Break Free de Ariana Grande, no que fan toda unha homenaxe ao filme Barbarella de Jane Fonda, aínda que mudando ao malvado Durand-Durand (vai ser que o nome do grupo musical non vén da historia que contaban en El Príncipe de Bel-Air) por un Ming (Flash Gordon) de garrafón:
Si, o momento peitos fóra en plan Afrodita A tamén ten a súa graza.
Supoño que a xente que non chegara a ver as series de televisión e as películas de ciencia ficción dos anos 60-80 non rematarán de pillar o aquel do vídeo, pero a min pareceume xenial.
Patrocinio tecnolóxico
Para concluír quixera comentar que non deixa de ser curioso ver como no vídeo de Ariana Grande pode verse claramente un iPhone e uns auriculares Beats (compañía adquirida por Apple) dando a impresión de que se trata dun acto de product placement como o tabletófono de HP que sae no vídeo de Iggy Azalea.
Supoño que iso de empregar os vídeos musicais como escaparate tecnolóxico é algo natural, en vista de que ese tipo de contidos se consumen principalmente a través de YouTube, o que fai que haxa un certo sesgo tecnolóxico entre a audiencia.
Debe estar conectado para enviar un comentario.