Este ano estou a ter serios problemas para poder achegarme a Viñetas desde o Atlántico, por causas de forza maior, pero aínda así procurei facer unha visita lóstrego a última hora da mañá, para poder asistir á gravación dun podcast e saudar a algúns amigos rapidamente.
O podcast en cuestión é o da páxina web Universo Marvel, que publícase a través de iVoox, plataforma na que suman máis de 13.000 descargas en menos de medio ano, polo que algo deben de estar a facer ben estes mozos, pese a estar tan tolos como para facer só do mundo marvelita, ignorando a excelencia do Universo DC. 😈
Visitaron a carpa de Viñetas 4 dos 5 integrantes do podcast, aínda que o quinto elemento non quixo ausentarse totalmente, polo que apareceu a través dunha gravación en vídeo nun ordenador portátil. O máis curioso deste proxecto é que, pese a ter unha organización estatal, 2 dos seus integrantes (Bruno e Nacho) son da Coruña, aínda que ter andaluces no equipo é un problema de cara a que se note tal presenza nun directo, pois todos sabemos que co seu cachondeo e os seus chistes convértense rapidamente no centro de atención… ou non. 😎
Se vos fixades na imaxe superior, igual algún sorprenderase de que haxa rapazas entre o público dun podcast sobre Marvel, pero se estades máis atentos, probablemente atoparedes un detalle aínda máis rechamante. 😆
Dende o podcast aproveitaron o directo para estrear conta en Twitter. E como? Pois cunha autofoto! Non será a cousa máis orixinal do mundo, pero funciona.
Agora o que queda é que publiquen na Internet o material da xornada, que quedará ben como recordo, pero que non deixará de ser máis que un simple anticipo do que será a súa grande entrega podcasteira do verán, na que darán conta das novidades de Marvel da tempada, que están a ser moitas e bastante rechamantes. Haberá que estar pendentes á publicación do podcast…
Xa que estaba por alí puiden ver aberta a caseta do Movemento Xove (coido que o luns aínda non a instalaran), onde non faltaban frikadas do Doutor, e algún detalle máis.
Pero onde si tiven que parar é xunto aos amigos de Funcomic, que sempre teñen anécdotas interesantes que contar. Dende peticións curiosas de chapas até o feito de que o actor de dobraxe que fai do Sr. Satán en Dragonball Z pasou por alí coa familia… pero como a súa voz era a da versión en español dos debuxos animados… ninguén se decataba do asunto por aquí! Era visto que Bola de Dragón Z non ten o mesmo encanto que As Bolas Máxicas!
Ah, e para rematar comentarei que non volvín a casa de baleiro, senón que pillei o Nacho Camacho de Jano, editado por Demo, e que é unha das grandes novidades durante o Viñetas deste ano.
Debe estar conectado para enviar un comentario.