Feijoo en Furelos

Hoxe non podía deixar de comentar que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, visitou esta mañá Melide, concretamente Furelos, onde hai un campamento xuvenil que quixo...

Feijoo en Melide

Hoxe non podía deixar de comentar que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, visitou esta mañá Melide, concretamente Furelos, onde hai un campamento xuvenil que quixo empregarse como exemplo das actividades que organizan dende a Administración autonómica para a mocidade durante o verán.

Feijoo na Ponte Romana de Furelos

Pero eu da visita presidencial quixera quedarme máis nas curiosidades:

Feijoo facéndose auto-fotos! Até chiou sobre o tema Beatriz Mato! Non sei onde publicarían a imaxe que tomaron, pero dubido que saísen moitos dos rapaces na imaxe (algún remataría con complexo de Liza Minnelli).

Tamén gustaríame saber o que comentaron as señoras ao presidente, pero en vista de que Mato leva o móbil na man, supoño que rematarían de tirar outra foto con Feijoo e estarían a pedirlle que lle mandaran copia por WhatsApp, que en Furelos sónchevos moito desas cousas. 😀

Para saber da versión oficial do asunto, velaquí o que publicou a Xunta:

Feijóo subliña que a Campaña de Verán de Galicia se converteu nun referente a nivel estatal acadando en 2014 preto de 8.300 prazas e un investimento de 2,3 millóns de euros

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que nos últimos anos, a Campaña de Verán de Galicia, que promove a Xunta, se ten convertido nun “referente a nivel estatal”, tanto no que respecta ao número de prazas, que chega as 8.266, como na calidade das actividades ofrecidas, cun investimento de 2,3 millóns de euros. Unha iniciativa que, segundo explicou, inclúe tanto campos de traballo, como campamentos, intercambios con outras comunidades e actividades para maiores de 18 anos.

O mandatario galego visitou esta mañá aos mozos participantes no campo de traballo Hospitaleiros do Camiño, no programa de voluntariado xuvenil Melide no Camiño e no campamento En bicicleta pola natureza. Tres iniciativas que se están a desenvolver neste concello coruñés, nas que os protagonistas son os máis novos e que, segundo sinalou Feijóo, converten Melide “no referente para a xuventude”, tanto galega, como nacional e internacional.

Campos de traballo

Feijóo explicou que no campo de traballo internacional Hospitaleiros do Camiño participan mozos procedentes de Galicia, doutras comunidades como Andalucía, Canarias ou A Rioxa, e mesmo doutros países como Turquía, Francia, a República Checa ou Rusia. Trátase dun programa no que os mozos participantes desenvolven actividades de dinamización arredor do Camiño de Santiago nunha localidade, dixo, “axeitada para os intercambios internacionais”, xa que, cada día, as rúas de Melide -onde conflúen o Camiño Francés e o Camiño Primitivo-, son percorridas por centos de peregrinos chegados de todo o mundo.

O presidente galego indicou que a Xunta é consciente de que a mobilidade e o intercambio de experiencias son clave para o desenvolvemento dos valores fundamentais para a xuventude. Por iso, engadiu, “os campos de traballo son un dos recursos máis importantes da Campaña de Verán que puxemos en marcha desde o Goberno galego”. Unha actividade que este ano oferta 650 prazas para mozos de entre 18 e 30 anos: 400 delas en 14 campos de traballo de Galicia (nun total de 13 concellos) e 250 prazas repartidas entre campos de traballo noutras comunidades autónomas (100 prazas) ou incluso noutros países (150 prazas en 27 países de 4 continentes).

Campamentos de verán

Paralelamente, a Xunta impulsa campamentos de verán, como o de En bicicleta pola natureza, que hoxe tivo a oportunidade de coñecer en Melide. Nel participan ao longo de todo o verán 180 mozos de entre 12 e 17 anos, que desenvolverán actividades para mellorar o coñecemento do medio natural, fomentar a cultura e promover a práctica de xogos e deportes.

Segundo resaltou o xefe do Executivo autonómico, a Xunta oferta neste 2014 un total de 7.300 prazas en campamentos de verán.

Voluntariado xuvenil

Xunto con isto, Feijóo resaltou que o Goberno galego tamén está a apoiar unha terceira iniciativa no concello de Melide, un proxecto de voluntariado denominado Melide no Camiño, de información ao peregrino que se desenvolve en colaboración directa co concello.

Esta actuación enmárcase, segundo argumentou Feijóo, na aposta que o Executivo autonómico lle está a dar ao voluntariado en Galicia, a través do Servizo de Voluntariado Xuvenil. Un programa “pioneiro en España”, segundo o presidente galego, que en 2014 vai acadar xa a súa cuarta edición e que aposta polo compromiso social dos mozos galegos. Unha iniciativa que vai permitir que 736 mozos de Galicia se incorporen ao longo deste ano a proxectos solidarios en 54 concellos e 68 entidades.

Aposta pola educación non formal, polo ocio educativo e pola conciliación

Feijóo salientou que todas estas iniciativas impulsadas desde a Xunta ofrecen unha oportunidade de educación non formal, que amplía e completa as habilidades e as competencias dos mozos fóra das aulas; representan un recurso de ocio educativo e tempo libre de primeiro nivel; ao tempo que supoñen un elemento moi importante para a conciliación das familias galegas.

A este respecto, lembrou o traballo que se vén realizando nos últimos tempos para reforzar o apoio ás familias con fillos e de cara a facilitar as condicións de vida das nais e pais galegos. Así referiuse a que a pasada semana o Consello da Xunta aprobou o decreto que permite incluír unha nova rebaixa no prezo das escolas infantís públicas: eximindo do pago, a partir do segundo fillo, a aquelas familias cunha renda per cápita igual ou inferior á 7.500 euros anuais. Xunto con isto, lembrou outras iniciativas como a de elevar ata os 360 euros o incentivo fiscal para familias con fillos menores de 3 anos; o incremento da oferta nas garderías públicas, que no curso 2014-15 experimentará un aumento nas prazas de case o 62% con respecto a abril de 2009; ao aumento en case un 30% do orzamento dedicado ao cheque infantil en 2014; ou a outros servizos para a infancia que están recollidos no Plan Demográfico que impulsa a Xunta.

Canto á educación non formal e ás actividades de voluntariado Feijóo argumentou que tamén son dous piares esenciais do Plan Estratéxico de Xuventude 2014-2016. Un plan que, lembrou conta con preto de 344 millóns de euros para dar resposta ás demandas e ás necesidades de case 450.000 mozos galegos.

“Como ven, estamos realizando unha aposta decidida polas familias e pola xuventude galega”, asegurou, porque, dixo “eles son o futuro de Galicia”.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS