É normal que advirta de que os produtos que se comercializan a través dos xornais son unha trapallada que non paga a pena, pero no caso do tabletófono Primux Beta que vai ofertar La Voz de Galicia habería que facer precisións, pois hai que admitir que 119 euros + cinco cupóns por un dispositivo dese tipo é un bo prezo (normalmente custaría uns 140 euros), pero quen pique ten que ser consciente que está a investir nun cabalo grande, ande ou non ande.
Que eivas ten o teléfono ourensán Primux Beta? Aínda que non veña coa última versión de Android, a súa batería sexa algo cativa para o seu tamaño de pantalla e as súas cámaras non destaquen pola súa calidade, o realmente malo deste smartphone son os elementos máis cruciais: o procesador, a memoria e a pantalla. O procesador de dobre núcleo é un MediaTek bastante cativo, o que xunto coa súa pouca memoria RAM (512 Mb) fará que vaia a rastras. O seu principal atractivo, a súa pantalla, é grande, pero cunha resolución de 960 x 540 píxeles, propia dos teléfonos de entre 4 e 4,3 polgadas, de xeito que, aínda que os contidos vaian lucir un grande tamaño, non se verán nítidos (píxeles coma puños!!!).
Como vantaxes, podemos comentar que soporta dobre SIM, ten radio FM e os seus 8 Gb de almacenamento pode ampliarse mediante tarxetas de ata 32 Gb; pero coido que a cara boa deste terminal non compensa en absoluto as súas carencias.
Alternativa ao mesmo prezo
Pero, se temos 119 euros no peto e queremos mercar un móbil, que recomendaría? Pois téñoo clarísimo. Precisamente por ese mesmo prezo está agora o Moto E, un terminal actualizado á ultimísima versión de Android, cunha autonomía moi boa, procesador Qualcomm de dobre núcleo, 1 Gb de RAM, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, pantalla con Corning Gorilla Glass 3 (resistente a rabuñaduras) e resistencia á auga, que vén a ser como a versión cativa do Moto G, que ao levar a súa pantalla ás 4,3 polgadas (tamaño moi bo, e curiosamente cunha resolución de 960 x 540 píxeles coma o Primux Beta) e rebaixar lixeiramente as súas prestacións consegue converterse no smartphone ideal para o día a día sen ter que facer un grande investimento económico.
Coido que actualmente o mellor smartphone en relación calidade-prezo por menos de 140 euros sería o Moto E, mentres que sobre tal prezo teríamos as versións de 8 e 16 Gb do Moto G. Deste xeito, Motorola reinaría no rango de prezo entre os 110 e os 190 euros, non tendo rival se falamos de teléfonos que podemos mercar con normalidade en tendas físicas e sen recorrer á importación.
Debe estar conectado para enviar un comentario.