Esta fin de semana La Voz incluía un folleto de PC City, o que me levou a comentar que algúns prezos eran bos, pero que con outros había que ter coidado, e puxen como exemplo a suposta oferta dun iMac:
Eu o que sostiña era que o desconto de 300 euros non era certo, xa que se estaba vendendo o equipo ao seu prezo oficial, pero cal foi a miña sorpresa cando fun a contrastalo coa web de Apple e atopo que o equipo en cuestión custa 1.249 euros. Ou sexa, que unha suposta rebaixa de 300 euros en realidade é pagar 50 euros de máis.
Xa me parece totalmente falto de ética falar de aforro cando se comparan prezos a longo prazo, pero anunciar coma oferta un prezo superior que o que marca o fabricante, ¿qué nome recibe? ¿Abuso? ¿Timo? ¿Tomadura de pelo?
Deixando este exemplo aparte, quería comentar o asunto para que vos deades conta de que as ofertas que hai estes días co gallo das rebaixas en moitos casos corresponden a liquidacións, só que non se indican axeitadamente (o que tampouco é legal) e moitas tendas o que buscan é desfacerse de material que teñen acumulando po.
A semana pasada incluso vin en El Corte Inglés un ordenador de sobremesa a 199 euros, e resultaba ser un Inves iCenter 1010 de hai máis de 3 anos (incluía de serie unha copia do Norton Antivirus 2004).
Si, a algunha persoa podería servirlle coma Media Center, pero o que está clarísimo é que non supón un aforro duns 400 euros coma dan a entender na tenda. É un equipo vello, que queren quitar do medio porque ocupa espazo (e que seguro que a algún lle podería vir ben para conectar ao televisor do salón, pero polo suposto prezo orixinal do equipo hoxe podería mercarse un ordenador actual completo).
Ah, e moito ollo coas ofertas en televisores, que aí si que é doado enganarse (hai moito cabalo grande que non anda precisamente ben). En caso de dúbidas, xa sabedes, a apuntar o números dos modelos, e comparar prezos e prestacións na web.
Debe estar conectado para enviar un comentario.