Mañá é a esperada reapertura do Media Markt na Coruña, aínda que no seu folleto promocional esaxeran un chisco ao anunciar o evento como aquel que pide nunha tenda “un mapamundi de Bilbao”, e as ofertas están na liña do agardado, con televisores e smartphones que entran facilmente polos ollos.
O principal reclamo é un televisor Samsung UE42F5300 por 379 euros, que co gallo do fútbol entendo que se venderá moi ben, como tamén podería acontecer co LG 55LN575, que coas súas 55 polgadas por 599 euros tamén pode captar a atención de moitos.
Outros produtos rechamantes serían os smartphones Sony Xperia E por 79 euros (moi pouco recomendable) ou o Moto E por 119 euros (moi recomendable, aínda que non é oferta ningunha, xa que ese é o seu prezo oficial).O que me sorprendeu moito ver é a consola Xbox One por 399 euros, xa que ese é o prezo estimado para o modelo sen Kinect que estará á venda a semana que vén, e no folleto sae destacado que inclúe o sensor Kinect, o que sería unha ofertaza brutal (100 euros de desconto). Supoño que non teñen pensado vender moitas (xa que a consola vén sen xogo, o que dilúe bastante a oferta).
O colofón da reapertura da tenda coruñesa está en que continúa a promoción Tu Jugada del Mundial, que consiste en que podemos realizar unha aposta para adiviñar os equipos que chegarán á final do Mundial de Fútbol e, se atinamos, recibiremos o importe económico correspondente ao valor dos produtos da campaña (televisores, proxectores, portátiles, tablets, smartphones libres, ordenadores todo-en-un e monitores). Cómpre destacar que o importe devolverase a través do mesmo método de pagamento realizado e no caso de superar os 300 euros terá unha retención do 21%.
Debe estar conectado para enviar un comentario.