El Corte Inglés súmase á carallada do día sen IVE

Cando aínda non rematou na Coruña a liquidación no Media Markt cun 25% de desconto, El Corte Inglés imita as malas prácticas da cadea de electrónica de consumo e...

Día sen IVE no Corte Inglés

Cando aínda non rematou na Coruña a liquidación no Media Markt cun 25% de desconto, El Corte Inglés imita as malas prácticas da cadea de electrónica de consumo e anuncia que durante a xornada de hoxe permitirá aforrar o IVE soltando a cousa esa do 21% (cun asterisco) que realmente é un 17,36% de desconto.

Pero o pitorreo non remata aí, pois se imos ás condicións da promoción vemos que a listaxe de produtos incluídos na mesma é incluso máis grande que a de produtos rebaixados e moitos dos produtos supostamente rebaixados, por non variar, carecen de rebaixa algunha.

A min o que máis me sorprendeu é que destacaran a rebaixa do Sony Xperia Z1 de 699 a 403,96 euros, pois iso dos 699 euros era o prezo oficial do produto no seu lanzamento, e xa na semana do mesmo podía conseguirse a prezos considerablemente máis baratos (coido que incluso no Corte Inglés) e en Amazon.es pode atoparse libre por 472,55 euros. Nin que dicir que pillándoo con operadora hai semanas que ese smartphone está a prezos moi atractivos (coñezo a xente que aproveitou algunha desas promocións). Ou sexa, que non entendo que coloquen como principal oferta unha na que moita xente ve claramente que non se aforra nada.

A Xbox One si é unha compra que compensa hoxe no Corte Inglés

A Xbox One si é unha compra que compensa hoxe no Corte Inglés

Outros exemplos de falso prezo de saída é o dos packs de consolas PS Vita, que as marcan a 199,90 euros, cando estes días estaban no Media Markt a 169,90 euros (que co desconto quedaban en 127,42 euros), mentres que a consola que si compensa é a Xbox One, que de 499,90 euros quedan en 413,12 euros, polo que quen queira a nova consola de Microsoft, e non desexe esperar á rebaixa que sen dúbida experimentará nos vindeiros meses, é unha boa oportunidade. Como a PlayStation 4 vendeu ben no Nadal, quedou fóra da promoción.

Tamén eran interesantes as ofertas do tablet HP Omni 10 (quedaba en menos de 330 euros, o que é unha ganga para un tablet con Windows 8.1, Office 2013 e pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.980 x 1.200 píxeles) ou do Surface Pro de 128 Gb (que quedaba nuns 553 euros), pero vese que houbo moita xente que se percatou do asunto, e as unidades voaron.

[content_right title=””]O honesto sería anunciar
rebaixas de ata o 17,36%
[/content_right]Ao final, o mellor da promoción é que os gastos de envío a casa son de balde (a partir de 50 euros de compra), polo que un pode navegar pola web do Corte Inglés para ver as ofertas de verdade, xa que se vas ao establecemento físico é moi doado que remates adquirindo algo no que non chegas a aforrar nadiña. Se foran realmente honestos, e vendo a cantidade de produtos non rebaixados, en vez de anunciar que podemos aforrarnos o IVE o que deberían ter posto é un cartel de rebaixas de ata o 17,36%. Pero, claro, iso non resulta atractivo para os consumidores, polo que é mellor aproveitar as ferramentas manipuladoras das promocións con letra pequena.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...