Hoxe tocou achegarme a EXPOCoruña para despedirme de ExpOtaku, que esta quinta edición parece ter superado todas as marcas. Dende a organización comentáronme que superaran as trece mil entredas vendidas, polo que xunto co persoal acreditado e os máis de 700 cosplayers que entraron de balde o domingo teriamos unhas quince mil persoas, o que debería facer reflexionar a algúns sobre o alternativos que son estes eventos.
Hortografía deskoidada
Aínda que o venres a cosa estaba moi parada, hoxe o posto de Takeshi xa tiña actividade, aínda que iso levoume a fixarme nun detalle ortográfico que non sei se atribuír á ignorancia da persoa que o escribiu ou á mala baba que teñen algúns á hora de botar unha man aos demáis:
Scalextric mental
A min resultoume especialmente simpática a experiencia dunha tuiteira ourensá que quixo probar a controlar o coche do Scalextric coa mente. As caras que poñía eran un panorama, pero finalmente colleulle o truco:
Invasión cosplay
Pero se algo tiñamos hoxe era xente disfrazada, en boa medida polo reclamo de que os cosplayers entraban de balde.
Aínda que en ExpOtaku predomine o manga e o anime, sorprendeume ver unha grande presenza de personaxes de DC, como Wonder Woman (o meu cosplay favorito desta edición do evento), Harley Quinn, Batgirl, Flash e Superman. Como se manteña ese nivel, en Hobby Con os personaxes de DC van poder meterlle unha boa somanta aos da Marvel. 😀
Había un pouco de todo, e incluso algúns decidiron deixar constancia de que lembraban que hoxe era o Día do Orgullo Friki:
Pois para os despistados hai que lembrar que o 25 de maio é o Día da Toalla na honra de Douglas Adams, autor da Guía do Autoestopista Galáctico.
Pero todo o bo remata, e como consecuencia non faltan os cadáveres no camiño, de aí que alguén chamase ao Sr. Lobo para que eliminase as probas.
O ano que vén, máis; e para que non queira esperar, nos vindeiros meses teremos Hobby Con, Viñetas desde o Atlántico e RetroCoruña. Allons-y!
Debe estar conectado para enviar un comentario.