Pequeno tablet con Windows 8.1 a prezo de derribamento (169 €)

Onte vin en WinPhone metro unha ofertaza que pensei que duraría un suspiro, pero vendo que se mantén, véxome na obriga de dar conta, pois trátase dun tablet con...

Acer Iconia W3

Onte vin en WinPhone metro unha ofertaza que pensei que duraría un suspiro, pero vendo que se mantén, véxome na obriga de dar conta, pois trátase dun tablet con Windows 8.1 e procesador Intel, ou sexa, un ordenador completo con forma de tablet, que ante a chegada do seu modelo sucesor están a ofertar a un prezo de escándalo: 169 euros.

tablet co teclado oficialO equipo é o Acer Icona W3, que funciona cun procesador Intel Atom a 1,8 GHz, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), pantalla de 8,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles (ou sexa, cunha proporción de aspecto de 16:10, que na miña opinión é máis cómoda que os 16:9 de moitos tablets), Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, cámaras de 2 Mpíxeles, saída micro HDMI, micro USB 2.0, batería de 6.800 mAh (capaz de reproducir vídeo a 720p durante 8 horas seguidas), un grosor de 11,35 milímetros e un peso de 540 gramos que por menos de 200 euros é un chollazo, pois aínda que poidamos velo como un de moitos tablets de pequeno tamaño, de conectarlle un teclado externo temos un ordenador portátil completo (especialmente se adquirimos o teclado de Acer deseñado para este tablet en concreto que fai tamén de soporte), e incluso podemos conectalo a un televisor ou monitor. Vaia, que non será moi potente, pero para navegar pola web, ver vídeos, realizar traballos no Word e no Excel (o tablet inclúe a versión doméstica de Office 2013 de balde) ou presentar a declaración da Renda pode valer, algo que non deixan facer nin un iPad nin un tablet con Android.

A característica máis discutible deste tablet é o seu tamaño, que resulta moi cómodo para o seu transporte, pero que para un uso prolongado pode resultar demasiado cativo. O que parece claro é que, quen busque un tablet de pequenas dimensións, con prezos como este compensa adquirir un dispositivo con Windows que outro con Android, agás que se queira para xogar (a oferta de xogos táctiles para Windows 8.1 aínda é bastante limitada). Chegan a pór esta oferta a primeiros de curso e de seguro que moitos estudantes optarían polo W3 aínda que fose só para tomar apuntes.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...