Durante esta semana recibín moitas consultas de xente que me preguntaba se pagaba a pena o tablet que comeza a promocionar hoxe o diario El Mundo por 79,99 euros + 20 de 25 cupóns que se publicarán ata o 23 de novembro, e a miña resposta, sen sequera mirar a promoción era un sinxelo e rotundo non.
Cando un produto deste tipo chega a un prezo tan reducido temos que desconfiar sempre, pois ten que ter algunha trampa, que na meirande parte das veces corresponde a dispositivos que non teñen nada que ver co prometido (con frases como “actualizable a Android 4.0” cando tal actualización nunca chegaba a estar dispoñible), sendo tamén moito descarado o truco do prezo tachado (pois as promocións recollen produtos que nunca antes estiveron á venda, ou sexa, que están fabricados directamente para a promoción).
¿Cal é o truco desta vez? Realmente a cousa non ten trampa nin cartón, senón que estamos directamente ante un produto que simplemente non dá o talle. No que a prestacións técnicas (procesador, RAM e almacenamento interno) estariamos ante un móbil con Android de gama baixa, dos que dan de balde ao cambiar de operadora, pero cunha eiva moi grande: a pantalla, que pese a ser de 9 polgadas (en panorámico, ou sexa, que tería que medrar un 30% para chegar ao tamaño dun iPad de 9,7 polgadas), ten unha resolución propia dun móbil (800 x 440 píxeles) o que fai practicamente imposible ver os contidos dunha páxina web dun xeito digno, pois a meirande parte das páxinas están maquetadas para pantallas que como mínimo teñan un ancho de 1.024 píxeles. Unha pantalla relativamente grande non serve para nada se a súa definición non é boa. Sospeito que este tablet ten un panel pensado para televisores ou reprodutores de DVD portátiles, non para tablets, de aí a súa resolución tan cutre.
É doado atopar incluso no Carrefour tablets por un prezo semellante, e igual de non recomendables. Coido que hoxe o tablet mínimo que debería mercarse é o Kindle Fire de Amazon (á venda por 159 euros), aínda que o Kindle Fire HD está bastante mellor, e para quen queira ter un produto máis á última tamén temos o Nexus 7, que para a semana que vén debería estrear un irmanciño de 10 polgadas que ten moi boa pinta (aínda que non se sabe o prezo que vai ter).
Debe estar conectado para enviar un comentario.