A Universidade de Santiago de Compostela está a apostar polas culturas do mundo, o entendemento multi-cultural e o fomento da diversidade e o pluralismo a través do proxecto campUSCulturae, que inclúe unha canle de radio en liña que botará a andar oficialmente o vindeiro 13 de febreiro para conmemorar o Día Mundial da Radio, e na que se incluirá con periodicidade inicialmente quincenal o espazo Metrópoles Delirantes, conducido pola reporteira da TVG Nieves Rodríguez, e que conta entre os seus colaboradores habituais cunha figura moi recoñecible na Coruña, Sanmi de Alita Comics, que encárgase de facer un repaso da actualidade do mundo comiqueiro.
Pero aínda que a radio en liña mencionada aínda non botou a andar, Metrópoles Delirantes xa existe como podcast dispoñible en Spreaker e en iTunes, e no seu primeiro episodio conversan co debuxante José Ángel Ares, os integrantes do fanzine Compota de Manatí, o crítico Rocky Mapache e o tintinófilo Pedro Rey.
Podedes escoitar o programa íntegro a continuación:
Ah, e Sanmi incluso comenta que estivo presente na proxección cinematográfica do 50º aniversario do Doutor Who, xornada na que coincidín con el (e moitos outros frikis) en Marineda City. Sigo pensando que foi unha mágoa que a TVG non fixese algo en tal data, pois en Galicia a afección ao Doutor naceu precisamente na Galega.
Eu xa estou subscrito ao podcast de Metrópoles Delirantes, e espero que me sorprendan con contidos tan coidados e divertidos como os desta primeira entrega, aínda que se afasten bastante do meu consumo habitual de cómics (son máis de superheroes que de manga e europeo).
Debe estar conectado para enviar un comentario.