Na TVG, verbas veñen e Verbas Van

Onte, aproveitando que fun á Radio Galega para participar no programa A Tarde, achegueime ata o estudio de gravación  do programa Verbas Van, que toma o relevo do clásico...

presentadores do programa Verbas Van

Onte, aproveitando que fun á Radio Galega para participar no programa A Tarde, achegueime ata o estudio de gravación  do programa Verbas Van, que toma o relevo do clásico Cifras e Letras, e que estreouse dun xeito un tanto curioso na TVG, pois en vez de programarse para despois de comer, comeza ás 13:04 horas, algo incomprensible para un concurso que precisa estar atento á pantalla (as probas de letras son imposibles de facer de oídas).

No horario do Cifras e Letras estrearon outro concurso, Pola Cara, que vén a ser unha especie de trivial producido por Plural, unha filial de Prisa Digital (ou sexa, de fóra de Galicia) que xa explotou ese formato baixo o título XLACARA noutras televisión autonómicas (coido que comezou en Aragón TV). Este concurso non está mal, pero coido que quedaría mellor no horario de Verbas Van (por poder atenderse ao mesmo de orella) ou incluso a media tarde, cando se supón que os rapaces están de volta da escola, pois estamos ante un formato que parece moi axeitado para a mocidade (que ás catro da tarde non creo que estea fronte ao televisor). Iso si, paréceme un concurso bastante inxusto, pois deume a impresión de que os concursantes coñecen as respostas de moitas das preguntas e non poden atinalas simplemente por non ser os primeiros en premer os pulsadores. ¿Premiar os reflexos en vez de o coñecemento? Outros concursos teñen quendas por algo.

No que respecta aos premios, Pola Cara tampouco parece un concurso espléndido, pois nos 3 programas que van ningún dos concursantes superou os 100 euros por programa, ou sexa, que a moitos participantes non lles vai compensar nin perder un par de xornadas de traballo para a gravación. O feito de que os concursantes estean un mínimo de 5 programas seguidos tampouco queda moi ben, pois converte o concurso nalgo moi pouco fresco.

Verbas Van

Pola contra, o Verbas Van paréceme unha boa actualización do Cifras e Letras, conservando os presentadores, dando unha segunda oportunidade aos anteriores concursantes e permitindo que os espectadores dende a casa poidan participar virtualmente grazas ao feito de que a competición non consiste en acumular coñecementos de distintas disciplinas (entre as que normalmente priman as Humanidades) senón en ferramentas do día a día, como a aritmética e o vocabulario.

O novo formato explícano así na páxina web da Galega:

O concursante escolle entre dúas palabras propostas polo presentador e decide así o sobre que contén as preguntas. Cada un afronta cinco probas seguidas: descubrir tres palabras – de 7, 8 e 9 letras – relacionadas co tema do día do programa, unha pregunta de ciencias e unha batería de cálculos numéricos. Nestas probas, canto antes se conteste máis puntos se suman e hai ademais posibilidade de rebote para o contrincante se o concursante falla.

Unha vez rematada a quenda de cada concursante, ambos os dous enfróntanse no “Man a Man”, onde é crucial a rapidez activando o pulsador, sempre e cando se teña a resposta axeitada, porque, senón, os puntos son para o rival. Esta fase consta de dúas probas: unha de Letras, “Verba vén”; e outra de Ciencias, “Botacontas”.

A continuación, chega o panel final, “Chegar e Encher”, onde cada concursante debe resolver a súa columna de seis palabras, das que aparecen as dúas primeiras letras, tras escoitar as correspondentes definicións. Esta proba final pode cambiar absolutamente o resultado, xa que a puntuación que se pode obter é moito maior que nas dúas primeiras fases. O concursante que consiga sumar máis puntos en total obtén 500 € e a permanencia no concurso.

O toque científico que engadiu Jorge Mira a Verbas Van tamén pareceume moi interesante, aínda que decepcióname o feito de que os concursantes teman a responder ese tipo de cuestións. Supoño que é por mor dunha eiva educativa histórica, na que deuse excesiva importancia á cultura clásica, obviando a cultura científica, que tan precisa é para prosperarmos como sociedade.

Agardo que nas vindeiras semanas recoloquen o programa de Paco Lodeiro, Jorge Mira e María Canosa na grella da TVG, para permitir que os seareiros de Cifras e Letras non quedemos orfos do concurso e poidamos gozar de Verbas Van nun bo horario ou, en caso contrario, coloquen o programa no sección de Á Carta da páxina web da TVG (onde si está o Pola Cara).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • O podcasting posto en valor

    Hai algo máis dun ano os oíntes do podcast La Órbita de Endor (LODE) coñecemos un experimento de iVoox a través do que ofrecíanse subscricións de pagamento, e finalmente...
  • O Banjo Fantástico

    Chámase Ollie, ten un banjo, e tras facer unha chea de versións de música de videoxogos como Out Run, Street Fighter II ou Tetris, inicia unha nova serie de...
  • Farruco nos primeiros tempos da Galega

    Aínda que moitos lembren a Xosé Lois Bernal López Farruco na Televisión de Galicia por aparicións na serie Terra de Miranda ou por presentar o programa Vivir Aquí con...
  • Fisterra sucumbe ao carbono modificado

    A pasada fin de semana rematei de ver a serie Altered Carbon en Netflix, historia baseada no libro Carbono Modificado no que preséntase un futuro no que é posible...