Hoxe foi un día importante para Nokia, pois despois dunha longa espera deron a coñecer o seu plan de lanzamento dos novos móbiles da familia Lumia en España á vez que anunciaron o Nokia Lumia 620, smartphone que promete ser todo un éxito.
¿Por que penso que o Nokia Lumia 620 está chamado a trunfar? Pois porque combina moitas das vantaxes de Windows Phone 8 (interface intuitiva, boa integración con Windows, aparencia nova…) a un prezo moi axustado (libre venderase a 269 euros, polo que é de agardar que saia case de balde con algunha tarifa móbil con datos) e cun deseño moi especial.
Resulta que o Lumia 620 presentouse durante o LeWeb de París da man de Marko Ahtisaari, quen falou de varias características da serie Lumia para detallar que no caso do pequeno da familia a súa carcasa era toda unha revolución, pois estaba composta por dúas capas de distinta cor que ao combinarse tomaban unha aparencia única, estando especialmente orgulloso da versión en lima limón. Sospeito que esas cores tan rechamantes van ser un factor fundamental para vender o móbil como churros (aínda que pase desapercibido entre a prensa especializada, que só ten ollos para o Lumia 920).
Poderiamos dicir que este terminal só ten un punto feble claro, que sería o contar só con 512 Mb de RAM, o que hoxe non é ningún problema (de feito, e a capacidade máxima dos móbiles con Windows Phone 7.5), pero que a longo prazo pode levar a que algunhas aplicacións non corran neste móbil no futuro (actualmente hai aplicacións que non van nos terminais con Windows Phone que só teñen 256 Mb de RAM). Pero no resto de prestacións está máis que sobrado, cunha xenerosa pantalla de 3,8 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles (moi lonxe das típicas pantallas de 3 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles de moitos smartphones barateiros) que presume de comportarse bastante ben en exteriores (haberá que velo), as súas dimensións e peso están dentro da media, a súa cámara de 5 Mpíxeles parece bastante decente e incluso conta con NFC. Aínda que vén con só 8 Gb de almacenamento interno (suficiente para a meirande parte de usuarios) este pode ampliarse mediante tarxetas de memoria de ata 64 Gb, polo que ao final incluso podería almacenar máis datos que os seus irmáns maiores (que non contan con lector de tarxetas microSD).
Vaia, que estamos ante un móbil que non parece para nada o herdeiro do Nokia Lumia 610, que como curiosidade comentarei que vin en persoa o pasado venres no TEDxGalicia, pois a súa propietaria pediume que lle sacara unha foto con el. Non puiden evitar preguntarlle polo dispositivo e a súa resposta deixoume impresionado: é unha usuaria de Mac que quería un smartphone coa simplicidade e elegancia do iPhone, pero que non custase tanto. Pensándoo friamente, razón non lle falta. Para quen non estea posto no uso de smartphones Windows Phone é unha opción bastante atinada.
Debe estar conectado para enviar un comentario.