7 anos de Marcus.es

O 26 de novembro de 2005 celebrouse na Coruña un encontro Beers & Blogs convocado por José Luis Orihuela, no que nos xuntamos uns cantos blogueiros locais no pub...

O 26 de novembro de 2005 celebrouse na Coruña un encontro Beers & Blogs convocado por José Luis Orihuela, no que nos xuntamos uns cantos blogueiros locais no pub Dublín, e que foi o tema co que principiou este blog hai 7 anos. Botando a vista atrás sorpréndeme comprobar unha cousa: os blogueiros presentes continuamos en activo despois de tanto tempo. Pode parecer unha parvada, pero cando mudei a aparencia deste blog déuseme por facer limpeza nas ligazóns e tiven que borrar máis da metade, porque os espazos estaban ou desaparecidos ou totalmente abandonados dende hai anos (a emerxencia de Twitter e Facebook fixo innecesarios moitos blogs, que eran un simple xeito de publicar contidos na web).

Marcus.es coa súa estética anterior

[content_right title=””]

Marcus.es naceu como
un blog bilingüe

[/content_right]Outro detalle curioso é que Marcus.es naceu como un blog bilingüe, de xeito que cando falaba de temas dirixidos a un público xeral escribía en español, e cando falaba de cousas de Melide e o Blogomillo empregaba o galego, pero no verán de 2006 decidín que tiña que comprometerme máis en serio co galego pese a que iso significaba perder moitísimo público, pois era preciso fornecer a comunidade de blogs en galego. Non me arrepinto de ter feito tal, especialmente porque, tras unha época dourada de proliferación de blogues en galego, estes decaeron de xeito significativo, desaparecendo moitos dos máis simbólicos.

Espero poder seguir moito tempo mantendo este espazo vivo, e que haxa alguén ao outro lado que guste dos meus comentarios sobre asuntos que lle toquen de preto (no caso de Melide) ou simplemente como unha fonte máis de contidos en galego. Agora crucemos os dedos, e esperemos que para o 8º aniversario deste espazo, aparte de poder consultalo a través de Marcus.es, estea tamén dispoñible a través de Marcus.gal.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS