Tempos Novos, a TVG e os blogs

O número de setembro da revista Tempos Novos parecérame moi atinado pola súa crítica do bipartito, xa que era hora de que os medios deixasen de ser conformistas e...

Portada do número 125 da revista Tempos NovosO número de setembro da revista Tempos Novos parecérame moi atinado pola súa crítica do bipartito, xa que era hora de que os medios deixasen de ser conformistas e comezasen a meter caña ó Goberno galego para que non se acomode, e por iso o número de outubro aínda me gustou máis, pois trata un dos meu temas preferidos: a TVG.
A situación da Televisión de Galicia é patética, amosando os contidos dos que antes se repudiaba. O propio Superpiñeiro conduce agora un programa merecedor de moitas máis críticas que o Supermartes, pois entrou de cheo na telebasura na que están somerxidas o resto de televisións en España, e tal situación non era de agardar no que prometía ser un cambio.
Coido que os únicos cambios que se poden ver na TVG están moi agochados na grella da programación, despois das 11 da noite, para que ninguén que traballe poida ver os espazos de debate ou culturais. Non gusto diso, non.

Pero o motivo para escribir esta entrada é porque no número de outubro publicáronme un artigo facendo un pequeno repaso dos blogs en Galicia, que agardo que vos interese:

Blogs: ¿galegos ou en galego?

A finais de 1997 o escritor Jorn Barger (editor de Robot Wisdom) empregaba por primeira vez a palabra weblog para definir a un formato de publicación na web que un par de anos despois se abreviaría coma blog, e que hoxe é unha expresión que a case ninguén lle resulta allea na Internet.
Podemos obviar o feito de que os blogs son tan antigos como a web (hai quen sostén que a primeira web publicada por Tim Berners-Lee era un blog) pero o que non podemos esquecer é que foi a comunidade de usuarios da Internet a que, durante os últimos anos da década dos 90, buscaba un xeito de facer as súas propias achegas á web sen contar con coñecementos técnicos avanzados nin grandes infraestruturas, o que deu lugar á aparición de distintos sistemas de publicación coma Open Diary, Pitas, LiveJournal e Blogger, que facían que calquera con algo que contar puidera facelo accesible a todo o mundo a través da Rede de Redes.
As ferramentas para a publicación de blogues só foron un primeiro paso, que continuou coa creación de comunidades de usuarios ó redor deste novo xeito de manifestarse na Internet, pois os blogues son algo máis que un sistema no que os artigos máis novos aparecen en primeira posición, xa que a través de ligazóns e comentarios se abren á interacción, completándose uns a outros, e tecendo unha rede que a nivel mundial se coñece coma Blogosfera.

A emerxencia

Aínda que os blogs levaban anos existindo, o feito de que tivesen una etiqueta que permitise identificalos e diferencialos do resto de contidos da web fixo que se convertesen nun estandarte dun grupo de xente que aproveitou a mera ferramenta para posicionarse en temas polémicos como a Guerra de Iraq, de xeito que, a pouca relevancia inicial que tiñan estes pequenos cadernos dixitais se veu amplificada expoñencialmente polos medios de comunicación tradicionais, abrindo a Caixa de Pandora, e facendo que o público xeral coñecese o feito de que a web xa non era territorio único de informáticos e grandes corporacións.
Entre 2001 e 2004 aparecían blogs de moita importancia por todo o mundo, polo que en 2005 incluso se fan frecuentes os interesados debates sobre a importancia do periodismo cidadán, aínda que parece que cada día se perciben mellor a diferenza entre o xornalismo e a publicación de blogs, que non son fenómenos excluíntes, senón complementarios, de xeito que non se produce unha fusión entre a Blogosfera e a prensa do mesmo xeito que outras plataformas como a radio ou a televisión tampouco son excluíntes.
O curioso do fenómeno dos blogs é que normalmente se fala de que foi en 2004 cando se produciu a súa emerxencia, pero se nos guiamos polos números veremos que a cousa se espallou máis no tempo, e mentres que no verán de 2004 Technorati tiña censados 3 millóns de blogs, só 2 anos despois a cantidade xa ascendía ós 60 millóns e a día de hoxe xa supera os 100 millóns.
Podemos asegurar que o número de blogs xa non medra en progresión xeométrica, e está comezando a estancarse… ¡o aumento! Ou sexa, que aínda quedan moitos anos para que se chegue ó potencial máximo desde medio.

Global vs. local

Resulta curioso que un fenómeno tan globalizador coma poderían ser as bitácoras de Internet, tamén se convertan en ferramentas para a creación de contidos locais (tanto pola súa temática como pola súa lingua) e en Galicia podemos analizar con moita profundidade esta dualidade.
Así, mentres que Technorati rexistraba 60 millóns de blogs, podiamos falar duns 2.000 blogs en galego, e cando se superaron os 100 millóns de blogs a nivel mundial, a nosa lingua tamén superaba os 3.700 blogues, quedando constancia que tanto hai xente interesada en chegar a todo o mundo, como persoas que desexan dirixirse a unha audiencia moi localizada.
En Galicia atopamos nos blogues unha plataforma axeitada para comunicarnos entre nós e na nosa fala, de aí que en vez de mirar á Blogosfera, moitos prefiramos coidar do Blogomillo.
Continuando con paralelismos, podemos asegurar que así como os EE.UU. tiveron o seu Iraq para dar lugar a toda unha serie de warlogs (bitácoras de guerra) e páxinas críticas coa posición actual do goberno norteamericano, en Galicia padecemos un Prestige, que a moitos lles serviu coma motivo para meterse neste mundo novo, que foi xermolando pouco a pouco, ata que floreceu entre os anos 2005-2006.
Pero dende Galicia non todos decidiron seguir o camiño local, e aínda que a internacionalización de blogs mediante o uso do inglés coma lingua vehicular non é frecuente, non podemos dicir o mesmo do uso do español, de xeito que os blogueiros máis influentes da nosa comunidade non escriben en galego, o que lles permite unha maior difusión en España e América Latina.
Non se trata de posturas mellores ou peores, senón de perspectivas diferentes, que teñen en Galicia un desenvolvemento paralelo e non oposto, que podería ser digno de estudo no futuro.

Blogueando en español

A postura globalizadora e o intento de chegar a un público máis amplo levou a moitos blogueiros a publicar en español na web, e así, podemos estar orgullosos de que o blog español máis popular a nivel mundial (Microsiervos.com) conte con participación galega (Javier Wicho Pedreira), así como do feito e que os Premios Best of Blogs (BOBs) organizados por Deutsche Welle recoñecese ó betanceiro Juan Varela como autor do mellor blog xornalístico en 2004 por Periodistas 21, mentres que o coruñés Nacho de la Fuente veu coma La Huella Digital era recoñecido coma o mellor blog en español de 2006.
Precisamente na edición de 2006 dos BOBs se colaron unha ducia de blogs españois dos que boa parte eran galegos e así, aparte do mencionado de Nacho de la Fuente, tamén optaba a premio o residente en Compostela, Pedro Jorge Romero, e o galego afincado en Madrid, Enrique Dans, que ten un dos blogs máis influentes e coñecidos de toda España.

Blogueando en galego

Falando de premios a blogs temos que recoñecer que existen poucos recoñecementos ás publicacións en galego polo mero feito de que galardóns coma os da Deutsche Welle limitan as linguas das candidaturas, pero nos premios promovidos pola publicación 20 Minutos temos que Galicia sempre destaca na categoría de bitácoras en «outras linguas constitucionais», que na súa primeira edición foi a parar para Martín Pawley e os seus Días Estranhos, mentres que na seguinte edición 2 dos 3 finalistas tamén eran de procedencia galega (aínda que iso puido ser a causa de que finalmente o galardoado fose un bloc catalán).
Precisamente a dificultade de acadar premios por un blogue en galego debe ser un indicador da súa valía, xa que os autores que deciden sacrificar audiencia e éxito en favor da súa fala e cultura merecen un recoñecemento, que debería ser aínda maior no caso dos pioneiros. Temos así que os blogues en galego non só teñen importancia en si mesmos, senón que teñen unha función evanxelizadora, pois están a predicar co exemplo, dando a entender a tódolos seus visitantes que é posible formar unha comunidade nos mesmos.
Son precisamente estes primeiros blogues os que forman o cerne do Blogomillo, os que dan unha certa unión á Internet galega, e así hoxe non poderiamos entender unha web sen as críticas cinematográficas de Días Estranhos, sen as análises do mundo editorial realizadas por Manuel Bragado nas súas Brétemas ou sen as aventuras e reflexións de Manuel Gago no seu Capítulo 0; así como tamén temos que recoñecer a existencia de plataformas de publicación de blogues en galego como a Blogaliza ou a Blogoteca, que xunto co servizo de recomendación de novas de Chuza! constitúen unha base na que unha Internet en galego é posible, aínda que haxa quen prefira rexeitar a expresarse na súa lingua para facer as Américas virtuais.

Tralo texto introductorio sobre os blogs en Galicia, publicaron un interesante artigo de Javier Wicho Pedreira, sobre a historia de Microsiervos que coido que vos pode interesar:
Páxina 1Páxina 2
A verdade é que podemos estar orgullosos de que moitos blogs galegos en español trunfen na Rede, e ser conscientes de que o público galego é máis reducido, polo que cando escribimos na nosa lingua temos que esquecernos dos rankismos e pensar simplemente que chegamos a quen queremos chegar.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS