Onte publicáronse as últimas enquisas sobre as eleccións ao Parlamento de Galicia do vindeiro domingo, contrastando moito os resultados segundo o medio no que os consultemos, coincidindo todos na vitoria do Partido Popular, aínda que nalgún caso poñan en dúbida a súa maioría absoluta.



A min dáme a impresión de que o PP vai manter a súa posición actual no Parlamento galego, en boa medida por carecer dunha oposición forte, cun PSdeG que vai caer bastante (lembremos que non celebraron as primarias previstas e que a súa candidatura converteuse en case unha depuración, o que deu unha imaxe moi mala do seu candidato), un BNG que aínda que actualmente presuma de que as enquisas aseguran que manterán o seu número de escanos parece que quere enganarse a si mesmo, e unha Alternativa Galega de Esquerdas que é toda unha incógnita, e que o tempo dirá se é un proxecto a longo prazo ou unha simple unión temporal de forzas. Do que non parece haber dúbidas é de que o partido de Mario Conde vai resultar totalmente irrelevante, o que parece indicar que os galegos non somos tan parvos como nos queren facer quedar en moitas ocasións.
O domingo procurarei facer un repaso dos resultados, detallando os de Melide, nos que teño certa curiosidade, non polo número de votos que recibirá o PP (que serán moitos), senón sobre o reparto da bolsa de votos nacionalistas entre o BNG e Alternativa.
Debe estar conectado para enviar un comentario.