O vindeiro 6 de xullo teremos nos cines a película The Amazing Spider-Man, e para meternos ganas de ir vela no corpo veñen de estrear un novo trailer:
Eu estou entusiasmado coa revisión do personaxe, como tamén aconteceu coa primeira película de Tobey Maguire (as 2 secuelas non remataron de convencerme) e ao igual que en 2002 gustei moito do detalle de que Spidey tivese lanza-redes orgánicos, agora acontéceme xusto o contrario: adoro que recupere detalles do trepamuros, entre os que destaco especialmente a figura de Gwen Stacy. De cativo lin as historias que ían dende a morte de Gwen ata a voda con Mary Jane, polo que o feito de que na anterior saga cinematográfica saltasen directamente a M.J. pareceume covarde. Non sei se desta volta atreveranse a matar á filla do Capitán Stacy, pero non me molestaría nada que fixesen tal na segunda película (para dar tempo a collerlle apego).
O novo filme promete moita acción e non caer no tópico de ver a Peter constantemente chorando o pasamento do seu tío Ben (que resulta máis cansino que os flashbacks de Bruce Wayne co asasinato dos seus pais). ¿Estaremos ante a película de Spider-Man definitiva? Supoño que non, pero a min dáme a impresión de que estaremos ante unha produción máis madura e sólida que a anterior. Crucemos os dedos, aínda que no caso de que a película sexa un fiasco, sempre nos quedará a nova serie de televisión (que é unha risa).
Debe estar conectado para enviar un comentario.