Hoxe recibín por correo electrónico o cartel da última iniciativa que argallaron en Melide, e da que xa deu conta o Concello hai uns días:
A Concellería de Promoción económica xunto con ASETEM organizará a I feira de vodas da comarca Terra de Melide.
A concellería de Promoción económica á fronte da cal se encontra Santos López ven de organizar en colaboración con ASETEM a I Feira de Vodas da comarca de Melide que terá lugar o 22 de abril no Palacio de Congresos da vila.
Trátase dunha feira de exaltación do comercio téxtil e de ocio centrado no tema dos casamentos. Contará coa participación de 40 stands expositores e será un excelente escaparate para amosar o sector comercial e de lecer: dende opcións para a despedidas de solteiro-a até todo o percorrido para chegar ao sí quero.
No salón poderánse visitar stands especializados en traxes de noiva e de noivo, grupos musicais que amenizan a velada, oferta de fotografía e vídeo, perruquería…etc.
Isto veráse complementado cunha exposición de coches antigos, que tamén se perfilan como un negocio emerxente para este tipo de eventos.
Santos López destaca a importancia de organizar este tipo de eventos en Melide para fortalecer un negocio que deixa importantes cifras económicas na vila en estacións estivais, especialmente.
A idea desconcertoume un chisco, pois normalmente non asocio a celebración de vodorrios con Melide, e teño curiosidade por ver a aceptación que vai ter o evento.
O cartel saiu da cabeciña de Rebeca Ponte, quen nos sorprendeu hai pouco abrindo un local na Rúa San Pedro chamado Madame Chocó, e que espero visitar en breve para poder comentar un pouco por aquí o que ofrece o establecemento que debuxou un sorriso na miña cara ao saber que vendía, entre outras cousas, cupcakes (pois resulta que estou a seguir a serie 2 Chicas Sin Blanca).
Debe estar conectado para enviar un comentario.