Compostweets 2012: adaptarse ou morrer

A pasada fin de semana celebrouse no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Santiago de Compostela) a segunda edición de Compostweets (tema do que falei hai uns días en...

Fotografía de David Serantes durante a apertura do eventoA pasada fin de semana celebrouse no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Santiago de Compostela) a segunda edición de Compostweets (tema do que falei hai uns días en Código Cero), un evento que nesta segunda edición careceu de grandes apoios que fosen máis aló da cesión lo local no que tivo lugar o encontro, polo que houbo que reformular este foro conforme aos recursos dispoñibles e aprendendo dos erros da edición pasada, o que para min foi todo un acerto, pois a xornada transcorreu dun xeito moi natural e distendido, quedando os asistentes con gañas de máis, o que non sempre acontece en actividades semellantes.
José Luis Orihuela no Compostweets 2012
Tiven a honra de participar na apertura do evento entrevistando publicamente ao profesor José Luis Orihuela, a quen teño un grande aprezo e respecto, e de quen sempre pode aprenderse algo. Nese momento sentíame coma Pitbull, por estar compartindo escenario con JLO 😉
Orihuela deixou claro o seu parecer sobre distintos asuntos, con sentenzas lapidarias como cando definiu os Trending Topic de Twitter coma un esbirro social (polo que dar a interpretación que fan algúns medios tradicionais dos temas do momento como os asuntos máis relevantes nas redes sociais non sería precisamente atinada), desbotando o mito dos volume de seguidores nas redes sociais (o importante é a calidade de seguidores e a comunicación que se estableza cos mesmos) e incluso deixou claro que as TIC mudaron o xeito de relacionarnos, polo que agora temos que entender case toda a tecnoloxía como social, polo que non só Facebook ou Twitter serían axentes deste cambio, senón que toda ferramenta que permite comunicarnos actualmente está a influirnos á hora de establecer relacións e compartir información. Cómpre así estar vixilante ao cambio e reciclarse constantemente para poder reaccionar ao contorno, algo que no caso dos medios de comunicación tradicionais pode ser crucial para a súa supervivencia.

Sobre a entrevista teño que agradecer a Alfonso Freire, organizador do Compostweets, por convidarme a facela; a José Luis Orihuela por ser tan cordial coma sempre; aos moitos que tuitearon en directo durante a mesma; e tamén aos participantes que tiveron a ben falar da mesma no seu blog, dedicando amables palabras que sempre son gratificantes. ¡Así dá gusto!

Publiwoman falando no Compostweets
Tras a clase maxistral de Orihuela, moitos dos presentes quedaron moi sorprendidos pola figura de Publiwoman (Raquel Lemos), profesional que demostrou que a imaxinación e a orixinalidade poden abrir moitas portas, aínda que vendo que non lle choven as ofertas de traballo temos que entender que entre os que mandan aínda non hai moita confianza no que ofrecen as canles de comunicación non tradicionais.
No seu blog Raquel fai algunhas suxestións para futuras edicións do Compostweets, como a realización de obradoiros, a interacción previa co público para elixir os temas a tratar, o achegamento a temas como as aplicacións móbiles e incluso o contar con convidados como Gaby Castellanos. Supoño que todo dependerá dos recursos dos que se conte en 2013, pero visto como se xestou a actual edición, o que parece evidente é que o encontro sobrevivirá aínda que se limite a un xantar entre entusiastas e profesionais das redes sociais, pois queda claro que o tema ten demanda e o foro parece atinado para respondela. De feito, non teño dúbidas de que, de replicarse o evento noutras cidades galegas (o ano pasado falábase do posible éxito dun Vigotweets), o público respondería, pero todos sabemos que ese non é precisamente o problema de organizar encontros no mundo real.

A Fervenza do Sur
David Serantes preguntando sobre trebellos sexuaisTras Publiwoman, o Compostweets quixo insistir nun carácter feminino, e Nela Bernal, a autora do blog A Fervenza do Sur, foi todo un contraste ao que habitualmente vemos neste tipo de eventos, pois tratou abertamente do sexo, dando lugar a unha situación moi divertida na que o público non se cortou, destacando David Serantes, coa súa proposta tecnolóxica de teclados deseñados para funcionar cunha man 😀

Manu Dibuja fotografando a Stabri
Pero tras a intervención de Nela, apareceu sobre o escenario unha nova estrela, o boneco viaxeiro Stabri, que gañou os corazóns de todos os presentes, e a quen o fotógrafo Manu Dibuja dedicou a atención que merecía retratándoo como o protagonista da xornada.

Serantes e Wicho no Compostweets
Pero o mellor momento da xornada para moitos foi o diálogo de David Serantes con Javier Pedreira Wicho, no que fixeron un repaso á traxectoria do blog Microsiervos dun xeito moi divertido e ameno. Entendín a este momento como unha compensación á desfeita do ano pasado, cando a intervención de Wicho foi mal conducida a un diálogo co público sobre o retorno do investimento en redes sociais que levaron a Rubén Bastón a subir ao escenario desaproveitando o potencial de Wicho como comunicador e auténtico referente do fenómeno dos blogs a nivel europeo.
Marcus preguntando nunha fotografía tomada por Manu Dibuja - http://www.flickr.com/photos/manudibuja/6789602448/in/set-72157629103539286Desta volta puidemos coñecer moitos detalles sobre Microsiervos, a opinión de Wicho sobre elementos como a publicidade ou os comentarios nos blogs, as repercusións que no mundo real ten acadar o éxito e a relevancia na Rede… ou a envexa de saber que Wicho atopouse en persoa con Olivia Wilde (a 13 de House e a Quorra de Tron Legacy). 😮
Serantes tamén deixou claro que os podcasts tamén existen, no que agardo que fose só prantar unha semente para que na edición de 2013 dea un relatorio sobre o tema, pois son dos que pensa que o blog de Serantes non sería nada sen o podcast que o acompaña e crea eses vencellos cos seus seguidores, que sentimos coma se coñecésemos a Nacu ou a Doalvares de toda a vida.

Público gozando do eventoCoido que o público gozou especialmente das intervencións que destaco, mentres que o resto de relatores pasaron por alí a falar dos seus proxectos e negocios (como atinadamente critica Manolo Rodríguez no seu blog), o que parecía afastarse da temática do evento, pero que levouse a cabo sen dar a impresión de estar ante comerciais vendendo a moto, entendéndose como un exemplo de proxectos que están a desenvolverse en Galicia.
A evolución fronte á primeira edición do Compostweets pareceume clara, especialmente pola ausencia de certo perfil de orador totalmente fóra de lugar. Por suposto que estaría ben que todos os participantes fosen do nivel de Wicho e Orihuela, pero tampouco se contaba cun grande orzamento (as participacións foron altruístas), e fíxose o mellor posible tendo en conta as limitacións. O criticado catering é unha mostra de que para buscar carencias a este tipo de foros temos que ir aos detalles, e a falta dunha retransmisión do evento a través de streaming é algo que de seguro que se subsanará cando haxa máis recursos dispoñibles (de feito, contouse coa mesma na pasada edición).
Vexo que este evento complementa ben a outros que temos na nosa comunidade (Foro Unirede, Iniciador Galicia, LaconNetwork…), e agardo que vaia conquistando un lugar de seu. Os asistentes practicamente confirmaron que repetirán o ano que vén, o que parece o principal aval desta edición.
Javi Rocamora no Compostweets
De feito, estou seguro de que o público repetirá, pois pareceume pillar a Javi Rocamora hipnotizando á audiencia, para sementar no seu subconsciente a idea de inscribirse en canto sexa posible ao Compostweets 2013 😉

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Enredando nas noites de Luar

    Durante o verán na revista Código Cero publicamos unha entrevista a Pilar Rodríguez Losada, responsable das redes sociais do Luar, e por se a alguén se lle pasou, pégoa...
  • A tradución automática invade a tenda de Kindle en galego

    Na miña intervención na pasada edición do LGx15 facía algúns comentarios sobre os tradutores automáticos, dando a entender que facían auténticas desfeitas simplemente porque algúns entenden que son ferramentas...
  • ExpOtaku meets Zona Otaku

    A semana pasada sobrevivimos a unha edición máis de ExpOtaku, encontro que non sei como fai para xuntar cada ano a máis xente. Eu só puiden achegarme o venres...
  • PSY segue moi vivo

    Hai moito tempo que o rapeiro PSY non ten un superéxito en YouTube, pero iso non quere dicir que desparecerse ou que estivese quieto, senón que é moi complicado...