O BNG de Melide reacciona á polémica da piscina municipal

Esta mañá, dando unha volta por Melide, vin que por moitas rúas había o seguinte cartel: O cartel resulta moi pouco informativo, polo que fun á páxina web do...

Esta mañá, dando unha volta por Melide, vin que por moitas rúas había o seguinte cartel:
Cartel do BNG sobre a polémica da piscina de Melide
O cartel resulta moi pouco informativo, polo que fun á páxina web do BNG local e atopei a seguinte nova:

O BNG de Melide esixe ao goberno local a continuidade do servizo da piscina municipal

Exterior da piscinaNos últimos días, os usuarios e usuarias da piscina municipal de Melide atopáronse cun cartel informativo da empresa xestora da instalación -XEDGA- no que se informaba do abandono da xestión, previsto para hoxe, 29 de febreiro. Dende entón, os usuarios que fan uso desta instalación municipal non saben que vai pasar coa piscina, coas clases e outros servizos polos que pagan cada mes, no caso dos asociados. O Bloque Nacionalista Galego de Melide vén de dirixir un escrito ao Concello de Melide no que solicita información detallada sobre o modelo de xestión que vai rexer o servizo da piscina municipal (así como o ximnasio e a sauna, que están integrados na instalación), logo do anuncio de renuncia da empresa XEDGA. Para o BNG “é inconcibible que os usuarios da piscina non saibamos se se van seguir ofrecendo os mesmos servizos nas instalacións, cando estamos pagando por unha instalación pública”.
Segundo o grupo nacionalista, “a actitude do goberno de Ánxeles Vázquez volve ser neste caso a ocultación, a desinformación e a redución de servizos, xa que hai semanas que teñen que saber do abandono da empresa xestora da piscina e tomaron a decisión de non informar destes cambios a quen paga polo servizo, o que non deixa de ser outra falta de respecto aos veciños e veciñas de Melide”.

A empresa informa do abandono da xestión

abandono do servizoAnte esta situación de incerteza na xestión da piscina, dende o goberno local avanzaron que serán os propios traballadores municipais os que se encarguen da instalación e das actividades que nelas se xeran. Por iso, o BNG esixiulle ao goberno local que “dea explicacións detalladas sobre que traballadores se van encargar destes traballos, cal será o custo económico a maiores para o Concello, e sobre todo que se comprometa informando publicamente ao pobo de Melide a garantir a continuidade deste servizo”.
Para o BNG, “o Partido Popular non só non creou nin unha soa instalación nin un só servizo no que leva de mandato, senón que está acabando por completo cos servizos deportivos que estaban a disposición dos melidenses”. Sirva como exemplo a suba das taxas para practicar deporte nunhas pistas de pádel nas que non se pode practicar deporte dende hai dez días porque non son quen de reparar un cristal roto. Para as pistas de pádel, ademais, o BNG deixou avanzado un proxecto para construír unhas cubertas que permitisen o seu uso durante todo o inverno, pero Ángeles Vázquez decidiu non cubrilas, e convertelas así nunhas instalacións infrautilizadas e por cuxo abandono os usuarios habituais se desprazan a outros concellos para poder practicar deporte durante todo o inverno.
Outra decisión do PP en materia deportiva foi a fixación dunha taxa polo uso dun ximnasio (o do pavillón polideportivo) que sempre foi de uso aberto. Por iso, dende o BNG denuncian “o constante ataque do equipo de Ángeles Vázquez aos servizos básicos que foron gañando os melidenses no eido do deporte, e que o PP está levando ao traste”.

O PP está acabando co deporte en Melide

comunicadoO grupo do Bloque Nacionalista Galego lembra a “pésima xestión nas xestións deportivas demostrada polo PP, que na súa anterior etapa de goberno deixou pechada a pista polideportiva por unha demostrada ignorancia e impotencia na xestión”, polo que agardan “que o caso da piscina non se converta na segunda parte desta ineptitude que aos melidenses lles costa estar privados de recintos deportivos”. Dende o BNG instan ao Partido Popular a que “reflexione sobre a importancia de investir en deporte, no seu fomento e na consolidación de hábitos saudables como mellora da calidade de vida, dado que ata o momento só entenden o deporte como fonte de recadación subindo as taxas e poñendo trabas a quen quere practicalo”.

Supoño que nos vindeiros días teremos máis información sobre o que promete ser a polémica local da tempada.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS