Continúan os éxitos de Os Melidaos

O pasado domingo Os Melidaos actuaron en A Coruña e a acollida foi todo un éxito segundo comunican dende a formación melidense: O grupo de música tradicional Os Melidaos...

Os Melidaos na Coruña
O pasado domingo Os Melidaos actuaron en A Coruña e a acollida foi todo un éxito segundo comunican dende a formación melidense:

O grupo de música tradicional Os Melidaos abriu o VII Ciclo de Coros Históricos da Coruña, xunto á Coral Ruada de Ourense, cunha gran actuación que foi moi aplaudida polo numeroso público que encheu o Teatro Rosalía de Castro. Entre as pezas interpretadas houbo varias cantadas que formarán parte do segundo disco que están gravando e que levará por nome Axudádeme a cantar.

Os membros dos Melidaos agradeceron a Cántigas da Terra que lles permitira tocar no teatro Rosalía de Castro a carón dos coros históricos deste país. En representación do grupo melidense, o gaiteiro e voz principal Antonio Raposo, afirmou no escenario coruñés “estar na actuación máis importante do grupo nos seus dez anos de existencia”. Antonio Raposo foi tamén o encargado de presentar cada unha das pezas e, ademais, fixo entrega ao presidente de Cántigas da Terra dun cadro co cruceiro de Melide (século XIV), o máis antigo de Galicia, debuxado por Castelao.

Miki e Noelia Varela e Suso Sánchez con Eva Balboa bailan ao son de Os MelidaosOs Melidaos estiveron acompañados nesta ocasión por dúas parellas de baile formadas por Miki e Noelia Varela, e Suso Sánchez con Eva Balboa. Todos eles están na actualidade facendo un enorme traballo en toda a comarca da Terra de Melide coa posta en marcha hai un anos da escola de música tradicional Herba Grileira.

Os membros dos Melidaos Marcelino Vázquez (gaita), Pepe Taboada (clarinete e gaita), Pepiño Blanco (bombo), José Luís Casal (tamboril), Antonio Raposo (gaita) e Xele Barrio (acordeón) comezaron a súa actuación na cidade herculina cun pasarrúas dende o Obelisco ata o mesmo Teatro Rosalía de Castro.

Os Melidaos interpretaron no escenario un total de oito pezas, algunhas delas do arquivo de Cántigas da Terra, tradicionais outras, e tamén composicións propias como o Pasodobre os Melidaos de Pepe Taboada ou a Muiñeira de Entrambasaugas proporcionada ao grupo por Marcelino Vázquez.

Os Melidaos actuarán mañá mesmo no San Froilán de Lugo e seguirán o sábado 15 de outubro, na homenaxe a Morgan en Santiago de Compostela. Este intenso mes rematará cunha actuación no programa Luar da TVG.

Vaia, que quen non puidese achegarse ao Rosalía a escoitar a Os Melidais, non terá desculpa cando se acheguen ao Luar da TVG. ¿Animarase Gayoso a bailar unhas pezas? ¿Seguirán o ritmo as Cantareiras de Ardebullo?

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS