A imaxe estereoscópica coñecida vulgarmente por 3D (pese a non selo) leva moito tempo entre nós, pero o fenómeno da película Avatar e dispositivos como a Nintendo 3DS están a levar a moitas compañías a avanzar neste ámbito, entre as que destaca a surcoreana LG, que por unha banda presume da súa tecnoloxía Cinema 3D que consiste en lentes pasivos nos seus televisores (que son máis lixeiros e baratos que os lentes activos) e do seu móbil LG Optimus 3D, que incorpora unha tecnoloxía semellante á da Nintendo 3DS, con 3D sen lentes, coa vantaxe de que a súa cámara permite tirar fotografías e gravar vídeo con tal tecnoloxía (aínda que moitos preferirán destacar a súa incrible potencia), o que inspirou unha campaña publicitaria en Francia que pode dar que falar:
Facer anuncios cun bandullo e cunhas orellas prominentes pode resultar gracioso, pero cando teñen que tirar do recurso das tetas… un xa non sabe se pensar que os creativos de Y&R son uns xenios ou simplemente quedaron sen ideas.
En España Vodafone (a compañía que venderá o terminal durante o verán, agardándose que no outono faga o propio Orange) tamén optou polo humor para dar a coñecer o teléfono, e parece que nos vindeiros meses imos ver terminais semellantes de HTC e Samsung, o que podería abrir o debate sobre se as 3D son necesarias ¿e inevitables? ¿Será unha tecnoloxía que vén para quedar? ¿Ou será unha simple moda?
22 Xullo, 2011
Debe estar conectado para enviar un comentario.