Rebeca Ponte na Casa de Galicia

Menuda sorprensa levei hoxe ao ver que Rebeca Ponte saíu na páxina web da Xunta de Galicia coa seguinte nova: Cardigan Bridge ofreceu na Casa de Galicia o concerto,...

Menuda sorprensa levei hoxe ao ver que Rebeca Ponte saíu na páxina web da Xunta de Galicia coa seguinte nova:

Cardigan Bridge ofreceu na Casa de Galicia o concerto, en solitario, “On the windowsill”

Concerto que se celebrou na Casa de Galicia en Madrid
A cantautora coruñesa Cardigan Bridge ofreceu esta tarde na Casa de Galicia de Madrid o concerto “On the windowsill”, baseado no seu disco do mesmo nome, o primeiro traballo con temas propios da nova artista multidisciplinar Rebeca Ponte baixo o nome artístico de Cardigan Bridge. Cantou en solitario, acompañándose alternativamente de guitarra, acordeón e teclado, cando nas súas actuacións habituais adoita estar acompañada por músicos.

Cardigan Bridge fixo gala da súa voz e sensibilidade nun concerto próximo no que conectou co público explicando a mensaxe das súas cancións e as circunstancias nas que as creou. Temas todos eles comprendidos no disco “On the windewsill”, un traballo variado e ecléctico, con nove temas íntimos e persoais, como o que dá nome ao disco, “Paxaros mortos sobre o alfeizar”, sobre o danos ambiental que infliximos ao planeta, “Augamares no corazón”, “Vella pel de lobo gris” ou a historia dunha española emigrante en Nova York.

Rebeca Ponte con Ramón Jiménez
Foi presentada polo coordinador de Actividades da Casa Ramón Jiménez, quen resaltou da traxectoria artística da cantante que inaugurou coa súa música diversos congresos internacionais e importantes mostras e exposicións de artistas. Por exemplo, citou a “IX Mostra Unión Fenosa” do Museo Macuf así como a exposición “Miradas” no mesmo museo, en que se presentaba a obra de Oukalele e Joan Fontcuberta; a presentación, en 2004, da composición musical da instalación “Madagascar” do fotógrafo Jordi Oliver na sala Salambó de Barcelona xunto ao contrabaixista Raúl Platz, co que formaba dúo nese momento e a súa intervención en concerto acústico do “Congreso Internacional de Danza da Unesco” e da “Pasarela de Moda 080” de Barcelona. Tamén resaltou que compuxo cancións para o cine e o teatro.

Cardigan Bridge foi alumna da Escola de Jazz do Concello da Coruña como saxofón e actuou durante anos con esta Escola e o mestre Acuña no Teatro Rosalía de Castro e nas jam session do local “A Terraza”; tocou tamén en grupos de pop, rock e jazz, pero sempre, tanto entón coma agora en solitario, foi a compositora e intérprete dos seus propios temas. Pódese saber máis sobre a súa carreira e a súa vida artística na súa páxina web, cardiganbridge.com.

Aproveito a ocasión para adiantar que o vindeiro 8 de abril Rebeca vai dar un concerto na Sala 600 de Melide. Procurarei lembralo cando se achegue o evento que non dubido en recomendar, pois polo momento os directos de Cardigan Bridge aos que puiden asistir foron plenamente satisfactorios.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS