Non sei cómo tomar a última entrega de Fan Letal en Zona Negativa, pois Cels Piñol emprega un iPad para ilustrar a evolución do cómic á era dixital dun xeito bastante atinado, que sitúame entre a risa e a reflexión:
Coido que coa imaxe quedan claros varios conceptos:
– O iPad é un dispositivo pesado (entre 680 e 720 gramos) pero aínda pesan máis moitos comics
– Os comics en formato dixital non envellecen
– As edicións físicas dos comics teñen moi pouco de ideais, e están cheas de erros, o que cos novos formatos podería solucionarse (non é coña, os comics nas tendas dixitais teñen actualizacións)
– As scanlations e os escaneos que circulan pola Rede en moitos casos teñen unha calidade lamentable
– Os comics en papel son difíciles de gardar e organizar (distintos tamaños, series cruzadas, series editadas por distintas editoriais…)
– E, finalmente, o clásico lema de libro prestado, libro perdido
tamén é de aplicación aos comics, e admito que padecín o problema en varias ocasións, o que xera grandes problemas (especialmente se prestaches o primeiro tomo dunha serie editada hai anos).
Así pois, ¿soltamos unhas risas ou choramos? Eu aínda non me decidín, e aínda que son coleccionista de comics, admito as vantaxes dos soportes dixitais, polo que dentro dunhas semanas (agardo que antes de Viñetas desde o Atlántico) intentarei facer un repaso das aplicacións comiqueiras que hai para o iPad, para despois contrastar as miñas impresións cos frikis que pasen polos Xardíns de Méndez Núñez, e ver se estamos ante a chegada da revolución, ou haberá que agardar a que chegue un dispositivo de lectura cunha pantalla de 12-14 polgadas capaz de trasladar a esencia do cómic.
Debe estar conectado para enviar un comentario.