O pleno extraordinario co gallo da polémica da EDAR do Polígono da Madanela

Veño de recibir un comunicado do Concello sobre o pleno extraordinario que tivo lugar esta mañá: A alcaldesa de Melide, Socorro Cea, presidiu esta mañá un pleno extraordinario que...

Veño de recibir un comunicado do Concello sobre o pleno extraordinario que tivo lugar esta mañá:

A alcaldesa de Melide, Socorro Cea, presidiu esta mañá un pleno extraordinario que tiña como único tema do día a situación da depuradora do polígono industrial, unha obra que nestes momentos está paralizada. Non obstante, a rexedora melidense informou que “o Concello agarda a resposta ás alegacións remitidas á Consellería de Industria, para poder seguir traballando neste proxecto, e conseguir finalmente dotar deste servizo fundamental ao parque empresarial”.

Socorro Cea lembrou que dende que o Concello de Melide –gobernado daquelas polo Partido Popular– e o Instituto Galego de Vivenda e Solo asinaran un convenio para a creación do parque empresarial, no ano 1991, veuse facendo cada vez máis necesaria a implantación dunha depuradora que dese servizo ás empresas alí instaladas, sen que nunca chegase a presentarse ningún proxecto para tal fin ata o cambio de goberno, en 2007.

Logo da urbanización da segunda fase do polígono, acometida dende outubro de 2007, coa posta en venda de 35 novas parcelas, o actual equipo de goberno local asinou en setembro de 2008 un convenio coa Consellería de Innovación e Industria do bipartito da Xunta para dotar ao parque empresarial dunha depuradora, por importe de 366.000 euros.

O dito convenio establecía un prazo de execución que remataba o 31 de decembro de 2009. O Concello de Melide recibiu en xullo dese mesmo ano os permisos de Augas de Galicia para acometer as obras, motivo polo cal se solicitou a Industria unha prórroga para a execución do convenio. Socorro Cea lembrou no pleno que “malia que nun primeiro momento Industria me confirmou persoalmente, por vía telefónica, que se ampliaría o convenio ata o mes de abril, para poder realizar as obras coa axuda da Xunta, finalmente esta prórroga non se fixo efectiva e por tanto non foi posible dar cumprimento ao convenio no tempo establecido”.

Non obstante, a alcaldesa amosou hoxe a súa “vontade de que o máis produtivo e positivo agora, para Melide, é traballar para tentar rematar esta obra, e no caso de que a Xunta de Galicia decida retirarnos a subvención, poidamos atopar outra solución para dar por fin cumprimento a esta vella demanda do empresariado do polígono da Madanela”. O 1º tenente de alcaldesa, o socialista Manuel Prado, lembrou “os catorce anos nos que o PP de Melide se esqueceu de construír unha depuradora no polígono e reiterou ter a completa seguridade de que todo o feito pola rexedora municipal neste asunto foi sempre polo beneficio dos melidenses”.

Nese aspecto, a alcaldesa de Melide afirmou: “Se algo teño claro é que prefiro cometer un erro intentando solucionar un problema que non facer absolutamente nada por solucionalo. Non facer nada, como fixo o PP dende o ano 1996 en relación á depuradora, é de irresponsables”

O Concello de Melide remitiu hai dúas semanas as alegacións pertinentes á Consellería de Industria, da cal se agarda unha resposta nas vindeiras datas.

Case ao remate do pleno que durou unha hora, a rexedora nacionalista desaconsellou ao PP xudicializar a vida política. Dixo que o seu grupo, o BNG, nunca o fixo. “O BNG chegou ao poder municipal coa forza dos votos, non con denuncias xudiciais. E o PP nunca retornará ao poder por esa vía”.

Engadiu tamén que: “Se o PP pensa que levar este asunto á Fiscalía serve para que o parque empresarial da Madanela teña depuradora, entón debe ir mañá mesmo. Se, polo contrario, acudir aos tribunais non serve para que se faga esta obra, mellor que o pensen dúas veces”.

En vista do que se comenta, dáme a impresión de que quedamos coma estabamos. Ou sexa, que houbo unha polémica, pero continúa a estar a pelota no tellado do PP, que é quen debe decidir se emprende ou non accións xudiciais contra a alcaldesa. ¿Morrerá aquí o conto ou teremos lea para longo?

ACTUALIZACIÓN (13-3-2010): O Partido Popular comenta no seu blog que o pleno extraordinario confirmou as súas acusacións:

O pleno extraordinario sobre a EDAR serviu para demostrar que o Partido Popular tiña razón
O pleno extraordinario celebrado este xoves para tratar sobre a depuradora do polígono industrial da Madanela, según a voceira dos populares melideneses, Ánxeles Vázquez, “ serviu para demostrar que o Partido Popular tiña razón, e decir, que Socorro Cea mentiu e enganou ós veciños ó recoñecer que si cometeu unha ilegalidade e que as escusas da rexedora son inxustificables”. Neste senso, a representante popular indica que “Cea non pode dicir que comete unha ilegalidade polo ben do pobo, porque toda falta cometida ten un prezo a pagar. Un prezo que pagarán os melidenses”. Para Vázquez, a ilegalidade cometida coa depuradora é unha mostra máis da ineficacia da alcaldesa, “porque se fixera as cousas ben dende un principio os melidenses non teríamos que pagar esta incompetencia de Cea”.
A voceira popular destaca que o prioritario nestes momentos para o Partido Popular é encontrar unha solución inmediata á situación da EDAR, xa que tal e como indica Vázquez, “non é xusto que, por culpa das chapuzas desta alcaldesa, Madanela se quede sen depuradora”. Por iso, subliñou que o que corresponde nestes momentos é traballar cóbado con cóbado coa Xunta de Galicia para atopar unha solución legal e que a obra se faga sen ningún problema nin dúbida na xestión.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS