Melide di adeus á vella televisión

Na web do Concello publicaron este martes o seguinte: O Concello informa aos veciños de Melide da cobertura da TDT na zona O goberno local remitiu cartas a todos...

Adeus á vella televisión
Na web do Concello publicaron este martes o seguinte:

O Concello informa aos veciños de Melide da cobertura da TDT na zona
O goberno local remitiu cartas a todos os veciños dos núcleos de poboación nos que a Xunta considera que pode haber problemas para a correcta recepción da TDT. Segundo a Xunta, serían 14 aldeas do Concello, nas que viven 153 melidenses. Ademais, ata o 3 de abril segue aberto o prazo para que as persoas maiores ou con dependencia soliciten gratuítamente receptores de TDT no Centro Social.
No día de onte, o Concello de Melide recibiu unha comunicación da Xunta na que se relacionan os núcleos do concello nos que podería haber problemas para a correcta recepción da televisión dixital terrestre. Segundo se afirma na carta da Secretaría Xeral de Medios, as persoas que teñan problemas para recibir un sinal de calidade teñen dereito a que un instalador autorizado lles habilite unha antena de satélite para garantir a cobertura, dado que a TDT é un servizo universal ao que deben ter dereito todos os cidadáns.
Ante esta información, o Concello de Melide quixo comunicarse cos veciños e veciñas que viven nas catorce aldeas nas que a Xunta ten encontrado algún problema para garantir unha correcta recepción da sinal. Trátase de aldeas das parroquias de San Cosme, San Salvador, Agrón, Folladela, Golán e Zas de Rei, nas que se contabilizaron un total de 153 veciños empadroados.
Xunto con esta comunicación, o Concello tamén facilitou aos veciños, por vía postal, unha listaxe na que se recollen os nomes e teléfonos de contacto dos instaladores autorizados pola Xunta, aos que os veciños poden dirixirse se comproban que teñen problemas para a recepción da sinal dixital.

TDT para a poboación maior ou en risco de exclusión social

Por outra parte, o Concello de Melide, a través da Concellaría de Igualdade e Benestar que dirixe Casé Rodríguez, mantén aberto ata o 3 de abril o prazo para que as persoas maiores e con problemas de dependencia poidan solicitar de xeito gratuíto un receptor de TDT a través do Centro Social.
Como xa se fixo na primeira campaña, a iniciativa ten por finalidade que as persoas que teñen un máis difícil acceso ao ámbito das comunicacións, non se queden fóra da recepción da TDT. Para iso os solicitantes deberán reunir unha das tres características seguintes: maiores de 80 anos que vivan sos, maiores de 65 anos con grao de dependencia recoñecido de nivel I ou II, ou con minusvalía auditiva ou visual superior ao 33%. As persoas que reúnan algunha destas tres características e estean interesadas en recibir un TDT, deben facelo constar no Centro Social antes do 3 de abril, data na que os Servizos Sociais priorizarán os casos de maior urxencia.

E hoxe mesmo é a data na que supostamente ten lugar o apagamento analóxico en Melide, pero digo supostamente porque teño entendido de que o que apagan son os reemisores locais, polo que moitos melidenses seguirán a recibir o sinal analóxico sen problemas ata o 1 de febreiro. De todos os xeitos, están a rematar as prórrogas, polo que a xente debería ter máis que mirado o asunto, e saber se reciben sen problema a TDT nos seus fogares.
Principia así un salto evolutivo para a televisión, que non ten agora desculpas para emitir no obsoleto formato 4:3, de xeito que pouco a pouco todas as canles deberían ter contidos en panorámico para que poidan visualizarse axeitadamente nos televisores modernos (lembremos que os televisores en 4:3 xa desapareceron das tendas).
Nos vindeiros meses poderemos ver a chegada de canles en alta definición en aberto (inicialmente TVE HD, que centrará os seus contidos en retransmisións deportivas), a normalización da TDT de ámbito local (que en Galicia ten moi mala pinta), novas canles de pagamento (aínda por definir) e, a ser posible, o aproveitamento de prestacións coma múltiples pistas de son e subtítulos nas emisións dixitais.

¿E se non recibimos o sinal?

Segundo parece, hai moita xente que ten problemas de recepción da TDT no rural galego, que deberá contactar cun antenista para que mire o seu caso. Así, será preciso adaptar algunha antena para poder recibir todas as canles, mentres que nalgunha zona será totalmente imposible recibir a TDT, casos nos que autorizarán o uso de tecnoloxía satelital, aínda que a súa instalación só estará subvencionada en casos moi concretos (xente de poucos recursos económicos).
Moita xente está a queixarse de que montar unha parabólica, mercar un receptor TDT SAT e a instalación de todo iso no fogar pode saír entre 300 e 400 euros, argumentando que o resto dos cidadáns non teñen que facer tal gasto, pero iso non é unha afirmación moi precisa, posto que moitos cidadáns tiveron que adaptar as antenas dos seus edificios, o que tampouco foi de balde. De todos os xeitos, non estamos a falar de gastos, senón de investimentos, xa que o goce do servizo televisivo poderase realizar logo durante moitos anos.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS