Charla-coloquio sobre a TDT en Melide

Esta tarde terá lugar no Multiusos de Melide unha charla-coloquio sobre a TDT: Melide acolle unha campaña sobre a incidencia da TDT e o apagón analóxico O encargado de...

Esta tarde terá lugar no Multiusos de Melide unha charla-coloquio sobre a TDT:

Melide acolle unha campaña sobre a incidencia da TDT e o apagón analóxico

O encargado de explicar o proceso de apagamento analóxico aos municipios será o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias. A charla será aberta o público, no Edificio Multiusos de Melide, este martes ás 20.00 h.

A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta e o operador público de telecomunicacións Retegal comezan mañá unha campaña informativa para achegar a Televisión Dixital Terrestre aos concellos galegos nos que primeiro se levará a cabo o encendido dixital, e que se atopan preto doutras zonas nas que se producirá a transición á TDT nos próximos meses.
A primeira das citas será mañá martes ás 20 horas no concello de Melide, e contará coa participación do director xeral de Comunicación Audiovisual e conselleiro delegado de Retegal, Manuel José Fernández Iglesias, e a alcaldesa de Melide, Socorro Cea.
No mes de decembro, celebraranse outras seis charlas-coloquio sobre a incidencia e as consecuencias do encendido dixital e sobre as previsións do apagamento analóxico en xullo de 2009. Así, despois de Melide chegará a quenda de Noia,  Muxía, Verín, Silleda e Vedra.
Nas charlas-coloquio está previsto que participen todos os concellos afectados de cada zona, así como os axentes do sector, administracións locais, radiodifusores, instaladores, comunidades de veciños e cidadanía en xeral. Baixo o lema ‘Imos por diante’, a campaña busca explicar a todos os cidadáns como recibir a TDT nas súas vivendas, así como o anticipo que está a desenvolver o Executivo autonómico no referente ao encendido dixital.
Encendido dixital
Segundo informa a Xunta nun comunicado, o encendido dixital realizarase antes de finais de ano nas demarcacións de Ourense Leste e Santiago ata acadar o 98,5% de cobertura e con seis meses de adianto sobre as datas marcadas polo Ministerio.
Co encendido de Ourense Este e Santiago, entre decembro e xuño de 2009, convivirán ambas as tecnoloxías, a analóxica e a dixital, ata o momento do apagado. Ata xuño de 2009, a Secretaría Xeral de Comunicación e Retegal encargarase de completar a cobertura con encheocos e conseguir así o acceso universal á TDT no caso do múltiplex autonómico, que inclúe a TVG e dúas privadas de ámbito galego.
O acto de Melide sobre o apagón analógico celebrarase no Edificio Multiuosos ás 20h, e será aberto a toda a cidadanía. O moderador da charla será o xornalista melidense Manuel Pampín.

Eu estou na Coruña, polo que non podo asistir para facer algunhas preguntiñas das que gustaría saber a resposta aínda que estou certo de que non as poden contestar (ou mentirían ao facelo) pois o panorama audiovisual está nunha situación incerta, e é moi probable que en 2009 fagan un profundo cambio de regulación que, polo pronto, se podería traducir na transformación de varias das canles de TDT ao modelo de pago (permitindo incluso o pago-por-visión).
Se alguén que lea estas liñas vai asistir á charla-coloquio agradeceríalle que preguntase por Dez TV e o seu futuro en Melide. ¿Por qué pregunto iso? Pois porque na actualidade a Melide chegan por analóxico Correo TV, Localia e Dez TV, que emiten dende o monte Pedroso, recibíndose as dúas primeiras tamén en dixital, pero o detalle é que Dez TV (Deza Visión, S.A.) só ten licenza para emitir en Lalín, polo que debería tomar medidas técnicas para non invadir a demarcación de Santiago. Eu entendo que de non recibirse o sinal de Dez TV en Santiago (en dixital) tamén quedariamos sen recibir tal canle en Melide, de xeito que perderiamos unha canle de televisión local, o que en boa medida tamén tería repercusións na política de comunicación do Concello (que debería tirar de Correo TV e da canle antes coñecida coma Localia para difundir as informacións de ámbito local). Vaia, que sospeito que iso iá afectar moi negativamente a Dez TV, que facía bastante negocio na Terra de Melide, que curiosamente quedou sen demarcación propia de TDT:
mapa de demarcacións de TDT en Galicia

Se nos fixamos no mapa, ata Vila de Cruces e Agolada están fóra da demarcación de Lalín, polo que non parece xustificable que Dez TV se vaia poder recibir en TDT en Arzúa, Santiso ou Melide, aínda que non sei a política que seguirá a administración coas zonas sen demarcación propia. Supoño que a cousa dependerá da relación que teña no futuro Correo TV con Dez TV, pois o Correo tamén terá televisión local en Lalín, de aí que poida supor unha grande ameaza para Dez TV (pois o Correo non invadiría a ninguén de dar cobertura á Terra de Melide e a moitos outras zonas próximas a Santiago, agás na Estrada).

Todo iso é facer futuribles, pois non hai nada seguro sobre o tema, de aí que me interesaría que se falase publicamente sobre o asunto, pois estamos ante un caso moi puntual (dubido que se dea noutras partes de Galicia).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS