Yolanda Castaño provoca o peche de Aduaneiros

Hoxe publícanme a seguinte columna de opinión a GZNación: Tu quoque,Aduaneiros Esta semana na Internet galega non se está a falar da chegada do iPod Touch ás mans dos...

Hoxe publícanme a seguinte columna de opinión a GZNación:

Tu quoque,Aduaneiros

peche de AduaneirosEsta semana na Internet galega non se está a falar da chegada do iPod Touch ás mans dos consumidores europeos, nin dos últimos servizos de Google, nin do referendo en Euskadi… o peche do blogue Aduaneiros Sem Fronteiras é o que está a centrar a actualidade, non polo feito (os blogues nacen e morren sen parar), senón polos motivos que levaron a tal, xa que parece ser un máis dos casos de censura que nos sorprenden nos últimos meses.

Recapitulando,podemos lembrar que unha imaxe dos Príncipes de Asturias traballando na portada de El Jueves causou un tremendo rebumbio que deixou en evidencia a figura do secuestro de publicacións, que o debuxante David Ramírez tivo que pagar uns 12.000 euros por ofender ó director editorial Antonio Martín nunha tira publicada na revista Dolmen (e que levou á posterior publicación do tomo Artículo 20 en defensa da liberdade de expresión), que unhas fortes críticas contra Ramoncín supuxeron un duro golpe á web Alasbarricadas.org (por non cumprir coa LSSI-CE) ou que dar a entender que o Principado de Mónaco se converteu nun circo pode supor unha multa para o autor dunha web satírica. ¿Qué está a pasar aquí? ¿En Europa non había democracia e liberdade de expresión? O panorama estanos a dar a entender que para certos asuntos temos as mans atadas, e que a Rede só é unha canle libre mentres non molestemos a ninguén.

De tódolos xeitos hai que indicar que os paralelismos entre as distintas polémicas non son xustos, principalmente porque El Jueves pode permitirse (e beneficiarse) dunha denuncia, mentres que un particular se ten que render ante unha ameaza de denuncia (como fixo Aduaneiros) xa que facer fronte a unha multa (á que se poderían sumar as costas do xuízo) poden arruinar a vida a moitos cidadáns, polo que a mensaxe que nos queren facer chegar é clara: o humor é subxectivo, e se alguén se sente ofendido, date por fodido.

No que tamén hai consenso é en que tomar accións legais contra un contido publicado na Internet non fai máis que popularizar o que se quere agochar, e como exemplo máis
recente tivemos a ese pai dun home esquizofrénico que se enfrontou durante meses a Google para que eliminasen uns vídeos de YouTube (e que non conseguiu ata que o asunto chegou ós medios de comunicación de masas), pero que tamén serve para ilustrar o feito de que as persoas teñen dereito a protexer a súa honra, polo que a reivindicación do avogado de Yolanda Castaño para a eliminación de certos contidos de Aduaneiros é totalmente lexítima, pero resulta moi complexo trazar a barreira entre unha sátira legal e uns contidos inxuriosos.

Posiblemente se o blogue de Aduaneiros Sem Fronteiras non tivese os comentarios abertos non se chegaría a este punto, pois ata o momento a web se facía partícipe de liñas nas que se sostén dende que «Iolanda está moi boa de dios» ata que é «unha burra peideira» o que desmerece a elegancia do deseño crítico orixinal, que está á altura doutros publicados na Internet, e que non parecen molestar ós representantes legais da poeta/presentadora/directora da Galería Sargadelos.

Non creo que facer humor coa polémica de que Yolanda Castaño pase de abrazar a Díaz Pardo a traballar para os seus detractores poida considerarse un delito de inxurias, nin parece intelixente intentar tomar medidas legais medio ano despois da publicación dun contido supostamente ofensivo, pero estou certo de que á poeta máis televisiva de Galicia lle vai custar traballo reconciliarse co Blogomillo, a xulgar polo movemento en protesta polo peche de Aduaneiros que se está a levar a cabo.

Quero deixar claro que estou totalmente en contra tanto da censura como das inxurias e calumnias que aparecen nos comentarios de moitos blogs, polo que entendo que manter un equilibrio é moi complicado. Normalmente deberiamos deixar que o sentido común e a prudencia guiaran as nosas decisións, pero como hai moita xente que non fai tal, xurden logo problemas coma este, e as consecuencias son moi negativas para a liberdade de expresión.
Non creo que a sátira de Aduaneiros fose para tanto. De feito, podédela ver a continuación:

¿Tanto escándalo por ver a Yolanda Castaño emulando a Bruto? A min a cousa non me parece tan seria. Hai que aprender de xente como Touriño (que cala cando se rin del na Touripedia), Francis DiNiro ou mesmo Gayoso (que ten que aturar que o manden a tomar polo cu no Luar), que botan unhas risas do que se di por aí e deixan os xuízos para os problemas de verdade.

Deixo os comentarios abertos, por se alguén quere inxuriarme.

ACTUALIZACIÓN: Á hora do xantar sorprendinme ó ver nunha cafetería que La Opinión dedicaba a súa contraportada á polémica de Aduaneiros, mentres que La Voz, El Correo, o Faro, El Ideal Gallego e o resto de medios impresos (cando menos, os que consultei) ignoraron completamente a polémica. Iso si, coido que saíu en tódolas cabeceiras puramente dixitais.
Grazas a La Opinión, coñecemos a versión da poeta:

Yolanda Castaño afirmou onte a noite a este xornal que descoñecía a decisión do peche de Aduaneiros sen Fronteiras, unha reacción que lle parecía “desmedida”. A escritora engadiu que non hai “querella algunha presentada” e que o seu avogado limitouse a “convidar amistosamente aos resposnsables da web a que retiraran os insultos gratuítos”. “Tampouco vimos axeitado o gráfico, no que se usaba a miña imaxe en roupa interior e manchada de sangue con fins publicísticos. Eu aplaudo todos os espazos de libertade de expresión, pero non defendo a posibilidade do insulto gratuíto e infundado. Se cadra hai xente que confunde a liberdade de expresión con outras cousas que agochan baixo esa bandeira. Teño unha certa faceta pública e admito que se poda opinar o que se queira de min, pero sempre me defenderei dos ataques gratuítos, infundados e de mal gusto como neste caso”, manifestou onte a poetisa Yolanda Castaño.

Agardemos que dende Aduaneiros reflexionen sobre a súa decisión e se animen a resucitar a súa iniciativa de referencia, pois cada día quedan menos dos pioneiros do Blogomillo.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS