Nunha das conferencias de Viñetas desde o Atlántico de 2008 fixeime en que Miguelanxo Prado tiña na man un iPhone, polo que cando me enterei de que que o Hexed de Emma Ríos estaba dispoñible para iPhone e Android pensei que era inevitable que Prado reaccionase dalgún xeito, e finalmente temos que esta semana presentaron unha conversión da súa Quotidiania Delirante ao móbil de Apple.
Para que poidamos ver de qué vai a cousa, amosan Meigas, o que será a primeira entrega (de balde) desta obra situada no gume entre o cómic e o audiovisual:
Son un admirador da obra de Prado, e obviando ao Xabarín, precisamente a Quotidianía Delirante é para min o mellor que publicou, aínda que esta revisión non acaba de convencerme (ler un cómic a un ritmo imposto paréceme aberrante). Gusto deste tipo de experimentos, pero o que non entendo é por qué o anuncian dun xeito que poderiamos cualificar de fraudulento, pois non dubidan de definir esta novidade coma o primeiro cómic interactivo e animado para iPhone e iPod
, pois non é nin o primeiro cómic animado para iPhone (a propia Marvel leva tempo publicando cousas como a nova serie de Spider-Woman) nin é interactivo (agás que consideremos que pasar páxinas supón unha interacción, polo que entón incluso os libros físicos serían interactivos…). Para min o mero feito de adaptar a obra a un formato dixital é suficiente como para concederlle certa atención mediática. Agardo que, aínda que as súas vendas vaian ser ridículas, están a dar pasos nun novo mercado no que cómpre experimentar. Pese a que nunca fon partidario dos videocomics (que existen dende hai moitos anos) son unha canle máis de comercialización, e igual serven para captar lectores para as obras en papel ou, cando menos, para dar maior proxección internacional aos comics de Prado, o que si poderían mellorar as súas vendas en soportes tradicionais, o que sempre é de agradecer.
Debe estar conectado para enviar un comentario.