Tras ver os datos que comentan en 233grados.com sobre a caída dos medios dixitais no último ano, déuseme por mirar se algo semellante pasaba en Galicia:
Polo que podemos ver segundo Google Trends, os medios dixitais poderían estar a perder a metade da súa audiencia nun par de anos, o que coido que non podemos interpretar á lixeira. Sospeito que o que está a pasar é que medrou o uso de plataformas coma Facebook, nas que non hai que esquecer que os medios tamén publican información, que non aparecería auditada. A medición de audiencias coa evolución da Internet parece que cada día vai ser máis complexa.
De caer a audiencia das edicións dixitais a cousa sería moi grave (non esquezamos que o papel está en caída libre), pero sorprende que OJD dea uns datos totalmente opostos aos de Google Trends, como podemos ver, por exemplo, no caso de La Voz:
Convídovos a facer a mesma comparación con 20minutos.es: Segundo OJD dobrou os usuarios mentres que Google Trends reflicte unha redución drástica dos usuarios únicos diarios.
Coido que os datos de OJD son moito máis fiables que os de Google Trends, e parece lóxico pensar que ao aumentar os usuarios da Internet tamén aumentan as audiencias nos medios dixitais. ¿Alguén pode crer que La Voz perdeu audiencia na Internet cando é o medio máis consultado en Galicia con moita diferenza?
Antes de tomar por certos datos simplemente porque veñen dunha fonte que ten a palabra Google no seu nome deberiamos reflexionar seriamente sobre a fiabilidade das fontes de información e os perigos das estimacións estatísticas.