Volve a TDT de pago a España

O sector audiovisual está a ferver, pois o Goberno, contra toda lóxica aprobou a volta da TDT de pago a España mediante un Real Decreto Lei tramitado pola vía...

O sector audiovisual está a ferver, pois o Goberno, contra toda lóxica aprobou a volta da TDT de pago a España mediante un Real Decreto Lei tramitado pola vía de urxencia cando o non había ningún motivo de interese xeral para facer iso (o único interese era particular, e as leis non deberían ser para beneficiar a empresas puntuais).
E, ¿por qué digo que volve a TDT de pago? Pois porque a TDT de pago en España é anterior á TDT en aberto, e foi cousa da compañía Quiero TV, que tivo que pechar ante as dificulades para manter o seu negocio. A cousa quedaría como estaba se non fose pola coñecida guerra do fútbol.

Pero agora comeza o culebrón: ¿qué vai pasar en setembro? Polo de pronto xa temos que a canle Hogar10 desapareceu onte para ser substituído por Gol TV, e para setembro tamén caerá Veo TV para deixar espazo a AXN. O carallo é que para poder recibir estas emisións non valen os receptores que temos na casa, o que xa criticou moi atinadamente J.R. Mora:
Compre para pagar
Veña, ¡todos a coleccionar trastos electrónicos na casa! ¿Por qué non pensaron nisto dende o principio? ¿Por qué están a facer unha escalada no lanzamento da TDT? Este lanzamento progresivo paréceme moi pouco atinado, pois as posibilidades da plataforma son moitas, pero se imos meténdoas pouco a pouco liámola.
Nun principio os receptores de TDT poden ter funcións como as seguintes:
a) sintonización de TDT en definición estándar
b) funcións adicionais básicas (teletexto, EPG…)
c) gravación (en disco duro, tarxetas de memoria ou DVD+R)
d) saída de vídeo en alta definición
e) lector de tarxetas de acceso condicional a canles de pago
f) sintonización de TDT en alta definición (MPEG-2 e MPEG-4)
g) servizos interactivos (MHP)
O problema é que na actualidade a meirande parte dos trebellos teñen só a) e b), mentres que cada vez máis contan tamén con c) e d), pero o resto de opcións deberían estar presentes se queremos unha TDT completa, o que a este ritmo tardaremos moitos anos en acadar. Ao final o salto do analóxico ao dixital parece cada vez máis o paso do branco e negro á cor 🙁

Deco de TDT con lector de tarxetas
Volvendo ao práctico, nun principio temos que para recibir algunhas das novas canles (que por desgraza matan a canles de balde) hai a opción de adquirir por uns 60 euros un receptor con lector de tarxetas, que incluirá unha tarxeta de abono cun mes incluído (os prezos e as ofertas aínda non son oficiais), de xeito que os que queiran gozar do fútbol a diario deberán pagar 14,90 €/mes, mentres que por AXN o prezo sería duns 8 €/mes. Nun principio, servirán os mesmos receptores para ambas canles, pero posiblemente será preciso empregar distintas tarxetas, o que sería un coñazo, polo que parece ser que a comercialización será conxunta.
De todos os xeitos, coido que AXN coma canle de pago vaino ter moi difícil, pois só cunhas poucas series é complicado animar á xente a pagar unha cota mensual. Para facer viable a oferta debería incrementar a presenza de películas, o que dubido que fagan.

E, se teño un televisor con TDT integrado, ¿tamén preciso mercar un receptor externo? Pois non, pero a cousa tampouco sae de balde, pois hai que mercar unha tarxeta PCMCIA (ou CAM):
Tarxeta nunha PCMCIA
Na tarxeta PCMCIA introdúcese a tarxeta de abonado da canle de televisión e logo insírese nunha fenda que habitualmente teñen os televisores na súa parte traseira (debería estar presente en calquera televior vendido a partires de xaneiro de 2008):
PCMCIA na fenda CI
Precisamente esta opción é a que dá a entender que Gol TV e AXN deberían facer uso do mesmo sistema de tarxetas, para que o usuario non teña que andar pondo e quitando tarxetas de abonado da parte traseira do televisor (o que sería incomodísimo).
Segundo parece, Dahlia TV sería a compañía encargada de montar toda esta plataforma, de xeito que si podería existir unha tarxeta única e incluso a posibilidade de paquetes (contratar Gol TV e AXN sería máis barato que a sumas das cotas de ambas canles). Tamén sería posible a incorporación de contidos de pagamento por visión (PPV) de xeito que incluso poidamos pagar a través SMS un partido de fútbol ou unha película (incluso porno), polo que algunha canle máis tamén podería sumarse á TDT de pago en breve. De feito, ata hai pouco falaban de que dende o primeiro momento habería 3 canles de pago. Agardo que a 3ª teña algo interesante que ofrecer, porque, polo momento, a cousa parece bastante pobre.

Como eu non vía Hogar10 (canle cutre como ela soa) e o fútbol non me interesa en absoluto, isto da TDT de pago déixame bastante indiferente. De todos os xeitos, aconsellaría aos interesados a que miren moito o dos receptores de TDT para as canles de pago, pois sospeito que eses trebellos a 60 euros que anuncian non están preparados para a alta definición nin para os servizos interactivos, polo que serían un trasto máis na casa, con pouco futuro. Como mínimo recomendaría buscar un trebello con opcións de gravación.

NOTA: As novas canles tamén poderían incorporarse á oferta de pago de operadores coma R (de feito, AXN xa está presente na grella de R e Gol TV na de ONO).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • O podcasting posto en valor

    Hai algo máis dun ano os oíntes do podcast La Órbita de Endor (LODE) coñecemos un experimento de iVoox a través do que ofrecíanse subscricións de pagamento, e finalmente...
  • O Banjo Fantástico

    Chámase Ollie, ten un banjo, e tras facer unha chea de versións de música de videoxogos como Out Run, Street Fighter II ou Tetris, inicia unha nova serie de...
  • Farruco nos primeiros tempos da Galega

    Aínda que moitos lembren a Xosé Lois Bernal López Farruco na Televisión de Galicia por aparicións na serie Terra de Miranda ou por presentar o programa Vivir Aquí con...
  • Fisterra sucumbe ao carbono modificado

    A pasada fin de semana rematei de ver a serie Altered Carbon en Netflix, historia baseada no libro Carbono Modificado no que preséntase un futuro no que é posible...