Lois Oreiro volve á portada de AVUI.cat

Ultimamente vexo máis a Lois Oreiro na web que cando traballaba con el en persoa, pero faime ilusión ver a súa imaxe en lugares destacados. En decembro xa facía...

Portada de AVUI.cat
Ultimamente vexo máis a Lois Oreiro na web que cando traballaba con el en persoa, pero faime ilusión ver a súa imaxe en lugares destacados. En decembro xa facía a súa primeira aparición na portada da edición dixital de Avui, e co gallo das eleccións galegas vai ter estes días un lugar destacado nesa publicación, que hoxe estrea co seguinte artigo:

O estigma da língua

Galicia leva trinta anos de normalización política sen normalización lingüística. A língua galega arrastrou, e arrastra, o estigma do rural e da incultura. O ascenso social leva parello falar castelán: símbolo, aínda hoxe, de riqueza e de certo nivel de estudos.
As clases medias fálanlle castelán aos seus fillos na casa e interrompen a transmisión da língua entre xeracións. Velaí a pedra de toque do devalo da língua. O método de supervivencia do idioma propio de Galicia, o método de resistencia durante séculos, foi a familia. E agora, cando as nais deixan de falarlle galego aos fillos, é cando se pon de manifesto a inoperancia das que son as mellores leis, institucións e orzamentos a prol do galego que tivo Galicia en toda a súa historia. Boas pero seica mal adaptadas a este tempo.
O castelán pasou de ser imposto polo poder a ser considerado símbolo, língua de poder. E as nais obran en consecuencia. A escola, a universidade, a Xunta, a Real Academia e as distintas institucións galeguistas foron inoperantes contra esa ecuación maniquea que está a destrozar ao galego: o urbano é o oposto ao rural. A língua propia das cidades é o castelán porque o galego é a propia das aldeas. Máis emocional ca útil. Para a globalización e a internet disque non vale. E iso que entronca con centos de millóns de lusófonos de todo o mundo. Pero nin así. Evocar Portugal, na castelanizada sociedade galega, tamén sona a atraso.
Naturalmente as vangardas cultas non pensan así. Porén, non conseguiron ser imitadas; nin tampouco influiron gran cousa nesa pobre ficción de progreso monolingüe.
O galego vaise convertendo en língua litúrxica, propia de actos oficiais. Os políticos fálano cada vez peor e as subvencións de fomento da língua úsanse para comprar incluso aos medios de comunicación que a repudian. A iso engádanlle a utilización do galego na loita partidaria, metendo medo cos presuntos excesos cometidos nas escolas catalás e vascas, e xa teñen o panorama completo dos lastres do galego.

Pero a cousa non remata aí, pois como é columnista diario no Xornal de Galicia o temos por partida dobre co seguinte artigo:

Garden as navallas
Por fortuna a campaña electoral remata esta medianoite. Os coitelos cos que os partidos espetaron mesquindades uns aos outros descansarán por fin. Seguramente teñan a fiada moi desgastada, por mor da saña coa que os brandiron estes últimos días: teletipos falsos, contrapropaganda anónima, súpeta dilixencia xudicial, embustes lingüísticos… mesmo se descubriu que eses roxos separatistas do bloque tiveron o atrevemento de conversar cara a cara cun empresario en 2005… El acabose, vamos!… Celebro que hoxe pare todo esto. Os ánimos están tan encirrados que se pide o voto para amolar ao rival máis ca por méritos propios. Os candidatos parecen secuestrados polo arreón final dos seus estrategos. Crispan o xesto e perden a voz; mala cousa. A apoteose final coa que Feij009, Touriño, e Quin pechen á noite estes quince días de entroido electoral non limpará as últimas ruindades. Será o resultado do 1-M o que as tolere ou as castigue como merecen.
Pero algunhas cousas sí quedaron claras xa. Os socialistas e os nacionalistas conseguiron convencer a todo o mundo de que a maioría absoluta do PP é posible outra vez. O PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego loitan contra a abstención apelando ao mesmo cambio que pedían en xuño do 2005. Un cambio incompleto e imperfecto que prometen acabar se o electorado lles dá a segunda oportunidade. O Partido Popular subliña, pola contra, que o Bipartito prometeu moito pero non cumpriu nada, así que hai que deixarse de experimentos e volver á administración do PP. Alberto Núñez Feijóo soubo zafarse do acoso a Rajoy. Deixouse ver pouco con el e exerceu de “verso libre”, como diría Javier Arenas. Así conseguiu que as loitas internas do PP e os casos de corrupción non o luxen, se ben a domiciliación de cobros nas Illas Caimán do seu nº1 por Ourense foi imposible de esquivar.
Touriño, en cambio, loce como principal atractivo ao seu xefe fe filas, José Luís Rodríguez Zapatero. Aos socialistas galegos sempre lles foi razonablemente ben facer de marca branca, de sucursal do PSOE. A coincidencia das galegas e as vascas prexudícaos aínda máis ca ó Bloque. Porén, o éxito ou o fracaso de Touriño e de Patxi López pode depender só duns poucos miles de votos.
Quintana mentres, exhibe a independencia e o galeguismo do BNG xunto coa moderación no exercicio do poder. Con todo, a súa maquinaria electoral denotou aínda certa falta de oficio –na defensa e no ataque–, que pode coutar as súas expectativas de ascenso.

Con tanta aparición de Lois nos medios dixitais o que se me pasa pola cabeza é pedirlle que se modere, que respire fondo… non vaia ser que no futuro apareza no Acompáñenos co Piñeiro. Como diría Facundo, tranquilidá (e parabéns). 😉

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS