Lois Oreiro na contraportada de La Opinión

¡Menuda sorpresa levei esta mañá! Cando vía a Lois Oreiro de volta aos informativos da TVG facíame ilusión (grazas á súa teima logrou saír do seu ostracismo xornalistico), pero...

¡Menuda sorpresa levei esta mañá! Cando vía a Lois Oreiro de volta aos informativos da TVG facíame ilusión (grazas á súa teima logrou saír do seu ostracismo xornalistico), pero ver que en La Opinión de A Coruña dedícanlle a súa contraportada flipo en cores:

Lois Oreiro: ´Non queremos ser galegos, queremos ser coruñeses ou vigueses´
“Cústame crer que a Xunta se atreva a deixar de ser a máxima responsable da normalización da lingua. É como se Tráfico se desentende do tráfico”

Lois OreiroPrimeiro un ensaio, agora un libro de poemas, a próxima será unha novela?

-Non, non creo, a min gústame escribir de cousas verdadeiras, nada de contos nin de historias. A poesía é o xénero perfecto.

-Escribe que ‘a poesía é o método de expresión máis exacto’, ‘é a literatura en estado puro’.

-É o xénero orixinal, o primeiro que se fixo; a partir de aí naceron os outros.

-Vostede mesmo recoñece que ‘a poesía é algo que todo o mundo escribe e ninguén le’.

-Precisamente por iso supoño que é un dos xéneros tradicionalmente máis cultivados polos nosos autores. Aí se demostra que somos unha cultura minorizada e en eterna normalización. Lucimos máis no xénero menos masivo, pero non por iso vai deixarse de publicar. O mexicano Gabriel Zaid, un dos meus escritores de cabeceira, botou a conta e resulta que cada medio minuto se publica un libro no mundo.

-Logo o seu está condenado a acabar perdido nese abismo.

-Si, pero iso é malo? Non, iso é excepcional. Tense que publicar libros de poesía aínda que non sexan bestsellers. Ten que haber de todo e a poesía non resta, enriquece.

-Escribe sempre en galego e cada vez hai menos axudas públicas para os libros na lingua.

-Sería perigoso escribir nunha lingua pensando se ten ou non subvención; en todo caso, é cousa dos editores. A subvención non é determinante, pero se de min dependese non as suprimiría.

-Que lle parece o decreto do galego no ensino?

-Non existe aínda, hai só unhas bases e haberá que ver si finalmente o decreto recolle as propostas que se están facendo. Agora, cústame crer que a Xunta de Galicia se atreva a deixar de ser a máxima responsable da normalización e supervivencia da lingua galega, sería como se a Guardia Civil de Tráfico se desentendera do tráfico nas estradas, vai de seu.

-Pensa que a Xunta está a recular da idea inicial?

-Non o sei, o debate partidario cambia dun día a outro. A min non me parece mal o inglés nin o castelán pero penso que hai que meter ao galego claramente por riba e normalizar o uso da lingua. Non se lle pode facer caso aos partidarios da diglosia preconstitucional, iso sería gravísimo. Unha cousa é o desacordo político e outra, o consenso social: que as clases medias urbanas asuman a lingua e sexan intelixentes, é dicir, sexan conscientes de que o galego, o castelán, o inglés ou o francés son imprescindibles e permítennos ser máis cultos, máis felices e relacionarmos con máis xente. Eu falo dúas linguas españolas, non son nin nacionalista español nin nacionalista galego: cando falo galego falo español e cando falo castelán falo español. Si as falas dos pais non chegan aos netos estase rompendo algo moi profundo e moi íntimo. A lingua é un asunto de familia. Non é unha cuestión de funcionarios nin de políticos -que tamén- nin tampouco cousa de escritores, é de todos. O centro non está fóra de Galicia, o centro non son os outros nin a súa lingua é mellor ca nosa, nin en Nova York ou París ou en Madrid e Barcelona está o mellor. Non querer ser galegos é unha das causas de que padezamos o localismo atroz e desvergoñado que vemos estes días.

-Dío polo debate das caixas?

-O localismo non está só nas caixas: estamos no país dos tres aeroportos, das tres universidades, das dúas autovías… Somos un pais de que? Non queremos ser país, como dicía Carlos Casares, queremos ser coruñeses, vigueses, lugueses ou ourensáns. Non queremos ser galegos porque non entendemos que ser galegos é unha maneira superior de ser que non quita nada.

-Síntese libre de opinar sendo o xornalista da TVG que informa do presidente da Xunta?

-Naturalmente, se non non escribiría nos xornais.

-Autocensúrase?

-Non. Nunha televisión pública, o meu traballo é moi sinxelo, limítome a contar que di e que fai o presidente. Eu traslado, non invento. E nin me presionan, nin me felicitan nin me din nada.

-Foi moitos anos delegado da TVG en Madrid.

-De 1991 a 2004.

-Marchou e agora volve.

-Cando cheguei a Santiago gobernaba aínda o PP e, por esas cousas das empresas públicas, ao parecer, había problemas burocráticos para facerme un contrato que respectase a miña antigüidade, e a miña chegada ao país coincidiu co meu ostracismo xornalístico, pero quería volver, casar e ter fillos galegos; eu son galeguista e quero que os meus fillos se críen en galego. De feito, metin o neno nunha escola pública e descubriu que lle falan en castelán. En fin, non creo que a miña historia sexa peor ca de moitos compañeiros de profesión; estiven catro anos sin nada, só con algunhas colaboracións e, afortunadamente, a miña parella podía mirar pola economía.

-Pronto terá o segundo fillo.

-Para marzo. Xa temos a bolsa preparada. Dous fillos, dous libros.

-Xa plantou a árbore?

-Plantei o outro día dúas ameixeiras e dúas figueiras.

-No libro está outra vez o seu Ézaro, o Pindo, o Xallas, Fisterra.

-É un espacio mítico. O espacio, xunto coa lingua, son as cousas que máis definen a un territorio. Non podo deixar de escribir de ese espazo, aínda que o rural está moi desprestixiado. Levamos trinta anos de democracia, temos autonomía, Parlamento, presupostos que nin Castelao soñou, exércitos de funcionarios, escritores, artistas, editores e a percepción que as elites teñen da cultura galega é lamentable. Por que persiste esa imaxe do galego? Algo fixemos mal.

Unha SMS, 0,15 €; un receptor de TDT de Blusens, 24,95 €; envolver o peixe coa cara de Lois Oreiro, non ten prezo 😉

Para rematar matizaría que na Coruña non queren ser coruñeses senón curuñeses, que para algo tivemos a Paco tantos anos.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • O podcasting posto en valor

    Hai algo máis dun ano os oíntes do podcast La Órbita de Endor (LODE) coñecemos un experimento de iVoox a través do que ofrecíanse subscricións de pagamento, e finalmente...
  • O Banjo Fantástico

    Chámase Ollie, ten un banjo, e tras facer unha chea de versións de música de videoxogos como Out Run, Street Fighter II ou Tetris, inicia unha nova serie de...
  • Farruco nos primeiros tempos da Galega

    Aínda que moitos lembren a Xosé Lois Bernal López Farruco na Televisión de Galicia por aparicións na serie Terra de Miranda ou por presentar o programa Vivir Aquí con...
  • Fisterra sucumbe ao carbono modificado

    A pasada fin de semana rematei de ver a serie Altered Carbon en Netflix, historia baseada no libro Carbono Modificado no que preséntase un futuro no que é posible...