Lois Oreiro fala das eleccións galegas en Avui

Hai máis dun ano que non falo neste espazo dese home que facía de muñeco nos informativos de Correo TV, pero hoxe paga a pena que o faga, pois...

Hai máis dun ano que non falo neste espazo dese home que facía de muñeco nos informativos de Correo TV, pero hoxe paga a pena que o faga, pois lle publicaron un artigo no diario Avui.
Ao coñecer a nova, fun a ver se atopaba o texto na edición en liña do xornal e levei unha sorpresa moi agradable:
Lois Oreiro na portada de Avui.cat
¡Cona! ¡Lois sae na cabeceira da portada do xornal! O artigo de está publicado na web en catalán cunha ligazón á versión orixinal en galego:

Entroido electoral en Galicia

Vai haber eleccións autonómicas en Galicia o 1 de Marzo, con toda a esquizofrenia que iso implica para un país no que case ninguén quere ser galego pero no que todos se proclaman galeguistas. Porque os galegos padecemos dun mal atroz chamado localismo, que nos fai sentirnos vigueses, coruñeses, lugueses… cunha sorte de identidade fratricida que se reafirma loitando uns contra os outros.

En Galicia puido haber un bo aeroporto en Santiago de Compostela pero en lugar diso preferimos ter tres de segunda categoría. En Galicia había unha antiga e prestixiosa Universidade pero pareceunos mellor facerlles cadan súa á Coruña e Vigo, para maior irrelevancia das tres.

Con razón o ex-presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor (PP), celebrara, no seu día, o dedazo sucesorio de Aznar a favor de Rajoy describindo a Don Mariano como un gran galeguista (sic). Non mentía. En Galicia todos somos galeguistas. Houbo un tempo en que había unha única excepción: Francisco Vázquez, alcalde de “La” Coruña, pero coa súa marcha ao Vaticano, aquí quedamos xa todos a reo galeguistas de pro.

Como na práctica iso non significa absolutamente nada, Alberto Núñez Feijoo ou Rosa Díez poden proclamar ese “sentimento galeguista” mentres botan contra a reforma do Estatuto, traballan para manter a lingua galega como subalterna do castelán e se indignan porque lla ensinen aos nenos nas escolas. E iso que as estatísticas de uso do galego son peores ca cando vivía Franco.

Por iso Touriño convocou as eleccións cando as convocou. Non foi para evitar que coincidisen coas europeas, non. Foi para que cadrasen co entroido porque nun ambiente de máscaras e burlas vai ser máis doado chamarlle galeguismo ao sucursalismo dos socialistas e dos populares galegos e nacionalismo ao tenue posibilismo ao que se viu reducido o BNG tralos primeiros catro anos da súa historia no poder.

Lois Oreiro

Quitando o feito de que sinta certa satisfacción ao ver a Lois nun lugar destacado da web dun xornal, non podo evitar que sinto envexa ao ver o respecto lingüístico do que fan gala en Avui, ao complementar un artigo en catalán coa súa versión orixinal noutra fala.
Tamén gusto do feito de que o xornal, que funciona tanto a través dos seus dominios .com, .es e .cat, emprega este último no seu deseño gráfico para destacar que é unha publicación catalá. ¿Qué cabeceiras se atreverán dentro dun par de aniños a facer o mesmo co .gal en Galicia?

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS