Un Airis Kira 100 con El Mundo

Cando alguén di que regala algo o normal é que hai que desconfiar, e a última promoción de El Mundo non é para menos. Acabo de ver o anuncio...

Cando alguén di que regala algo o normal é que hai que desconfiar, e a última promoción de El Mundo non é para menos. Acabo de ver o anuncio no que din que regalan un ultraportátil Kira (valorado en 299 euros), o que non é moi exacto, como deixan claro no propio xornal:

Un portátil por cero euros
¿Un ordenador portátil por cero euros? Tal cual. ¿Cómo? Sencillo. Basta con hacerse con la cartilla que distribuirá EL MUNDO hoy y reunir 30 de los 40 cupones que el diario publicará de lunes a sábado a partir del próximo 16 de junio y hasta el 31 de julio.
Quienes quieran disfrutar de este regalo deberán, además, reservar su equipo. Hay dos formas de hacerlo: con una llamada o enviando un SMS entre el próximo domingo y el 29 de junio. En ambos casos tendrán que seguir las instrucciones que encontrarán también en la cartilla que se distribuye el domingo.
Después, sólo quedará acudir al centro elegido de El Corte Inglés, distribuidor del regalo y conectarse, como ocurre en cualquier caso, mediante un contrato. En éste, las condiciones ofrecen una ventajosa tarifa plana al precio reducido de 32 euros al mes para una conexión 3.5G a 3,6 Mbps con acceso ilimitado.

O Airis Kira 100 de El MundoOu sexa, que o portátil é tan gratuíto coma os teléfonos que dan cando contratas unha liña de telefonía móbil cunha permanencia de 18 meses, aínda que no caso a tratar a permanencia é de 24 meses, ou sexa, que a coña remata saíndo en 768 €.

A promoción de El Mundo parece moi bonita, pero o que agocha é a liquidación dun equipo obsoleto, pois este mes comezarán a chegar a España os novos ultraportátiles que deixan de contar con pantallas de 7 polgadas a 800 x 480 píxeles, e terán entre 8,9 e 10 polgadas a 1.024 x 800 píxeles, ou sexa, que servirán para navegar pola Rede.
Pero os novos equipos, ¿serán moi caros? Os rumores din que andarán entre os 299 e os 499 euros segundo as súas características, e fabricantes coma Dell e Acer terán os seus propios modelos, aínda que o que está a crear máis expectación é o MSI Wind, que podería ter as seguintes configuracións e prezos:

U100: Atom 1’6 GHz, Pantalla 10″, Webcam 1’3 MP, 1 Gb RAM, 80 GB HDD, Wi-Fi, Bluetooth, XP Home e batería de 6 celas: 399 €.
U100: Atom 1’6 GHz, Pantalla 10″, Webcam 1’3 MP, 1 Gb RAM, 80 GB HDD, Wi-Fi, Bluetooth, Linux e batería de 6 celas: 375 €.
U90: Atom 1’6 GHz, Pantalla 8’9″, Webcam 0’3 MP, 1 Gb RAM, 80 GB HDD, Wi-Fi, XP Home e batería de 3 celdas: 349 €.
U90: Atom 1’6 GHz, Pantalla 8’9″, Webcam 0’3 MP, 512 Mb RAM, 80 GB HDD, Wi-Fi, Linux e batería de 3 celas: 299 €.

Ou sexa, que falamos duns equipos con moitas máis funcións que o Kira, e que de feito son ideais para a xente que busque mobilidade ou mesmo para a volta ao cole. Coméntase que os MSI Wind con batería de 6 celas contan cunha autonomía de 5,5 horas, o que estaría moi ben, mentres que ninguén se fía das supostas 4 horas de autonomía da batería dos equipos de Airis.

Outra cousa que me parece moi sospeitosa é a oferta de conexión ilimitada, que ten toda a pinta de ser un dos paquetes de conexión que cando pasas de 1 Gb de transferencia reducen a súa velocidade a 128 Kbps, polo que o prezo podería ser abusivo. Digo abusivo porque non hai que pensar nos prezos de hoxe, senón que ao ter un contrato de permanencia a perspectiva de 2 anos vista asusta moito.

Quen queira facerse cun ultraportátil de baixo custo nun principio debería buscar un equipo mellor que o da promoción, e de contratar unha tarifa de datos móbil debería mirar con moito ollo as condicións, pois os prezos están a cambiar moito (baixaron unha auténtica burrada dende o ano pasado).
Lembrade que o barato moitas veces sae caro, e neste caso coido que paga a pena gastar un pouco nun equipo decente, pois o Kira parece de xoguete (tamén o ofertan con outras conexións en The Phone House), aínda que a algunha persoa lle parecerá boa a oferta. Incluso é posible que as propias operadoras de telefonía lancen varias promocións de ultraportátiles nos vindeiros meses, pois é unha técnica moi boa para captar clientes de banda larga móbil. Eu creo que entre xornalistas e estudantes os ultraportátiles de baixo custo van causar furor na segunda metade do ano.

ACTUALIZACIÓN: Parece que os de El Mundo gustan de xogar co lume, pois mirei a web na que anuncian o Airis Kira e flipei ao ver o seguinte:
TFT 7 polgadas a 1024 x 768
Si, con este gráfico tan descriptivo poden facer que quen non estea satisfeito co produto o devolva sen problemas, pois aseguran que a pantalla de 7 polgadas dá unha resolución de 1.024 x 768 píxeles, o que é totalmente falso. A pantalla, incluso nos seus modelos superiores, é de 800 x 480 píxeles, entre outras cousas, porque é panorámica (ou sexa, que podería ser de 1.024 por 600, pero nunca de 1.024 por 768). O que si aguanta os 1.024 x 768 é a tarxeta de vídeo. ¿Qué quere dicir iso? Pois que podemos conectar o ultraportátil a unha pantalla externa, acadando aí a resolución prometida, o que resulta moi cómodo, xa que dese xeito se pode ter unha pantalla minúscula en calquera lugar e un monitor estándar en casa.
Creo que alguén se pasou de listo, pensando que aos monitores se lles pode aplicar a mesma interpretación do ata que ás conexións de acceso á Internet (vaia, que non é mesmo dicir que unha liña de ADSL é de ata 20 Mbps que dicir qeu unha pantalla ten ata unha resolución, pois as resolucións das pantallas LCD son unha característica fixa definida, e non dependen de elementos externos).

Tamén hai que destacar que na comentada web si explican as condicións reais da oferta, que incluiría unha conexión de banda larga móbil a un máximo de 3,6 Mbps cun tope mensual de transferencia de 1 Gb (ou sexa, que se confirma que reducen a velocidade cando pasas de certa cantidade de tráfico) cun compromiso de permanencia de 24 meses. A cousa sae a 32 euros/mes + IVE, ou sexa, un total de 890,88 euros, o que igual non lle importa ao que xa queira contratar ese tipo de conexións, pero sen dúbida resulta esaxerado para quen só quere facerse cun ultraportátil que custa menos de 300 euros.
Eu sinceiramente prefiro usar Wi-Fi alí onde poida, e utilizar conexións 3G con tarxetas como as de Yoigo ou Simyo, que cobran entre 0,99 e 1,20 euros + IVE cada día que te conectas, ou sexa, que normalmente saen mellor de prezo e dan un servizo mellor (pois o seu tope de transferencia non é mensual, senón diario). Vaia que eu gasto menos de 10 euros/mes en conexións 3G (xa que as uso só as fins de semana) e ese tipo de condicións non son doadas de igualar.

De todos os xeitos hai que recoñecer que grazas á promoción de El Mundo, moitos españois van ser conscientes da existencia dos ultraportátiles de baixo custo, polo que podería crearse unha demanda dun tipo de produto que ata o momento non estaba dispoñible a un prezo asumible (os UMPC tiñan prezos superiores aos 1.500 euros).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...