Nos últimos anos dende a Marvel decidiron que era unha boa idea achegarse aos seus seguidores con películas de animación que saísen directamente en DVD (supoño que ante as decepcións de algunhas das súas series de animación como a de Spider-Man na MTV) e entregaron 4 obras moi recomendables coma son Ultimate Avengers: The Movie, Ultimate Avengers II: Rise of the Black Panther (un pouco máis frouxa que a anterior), Invincible Iron Man e Doctor Strange: Sorcerer Supreme (unha curiosa revisión da orixe do Doutor Estraño).
Estas obras veñen a ser unha especie de adaptación das versións Ultimate de moitos dos heroes da Marvel, pero agora parece que queren sorprender cun novo título radicalmente diferente: Next Avengers: Heroes of Tomorrow.
A historia sitúase nun futuro no que os Vingadores morreron nun enfrontamento contra o robot Ultrón, e Tony Stark (Iron Man, para quen non o saiba) mantivo aos fillos dos heroes a salvo, e agora son eles os que deberán loitar contra o mal, formando un grupo que me trae recordos a cando apareceron os Novos Mutantes como a resposta xuvenil da Patrulla X (vaia, unha estratexia comercial para atraer a un público máis novo).
A nova panda está formada por James (fillo do Capitán América e a Viúva Negra), Torunn (filla de Thor), Azari (fillo de Panteira Negra) e Pym (fillo da Avespa e o Home Xigante), aparecendo tamén Iron Man e un vello Hulk para completar a ecuación que promete rematar coa derrota de Ultrón:
Deberemos agardar ao 2 de setembro para ver estas novas aventuras en DVD (nos EE.UU.) aínda que os que asistan á Comic Con de San Diego poderán botarlle tamén unha ollada. Esta será unha das novas entregas de Marvel en DVD para os vindeiros meses, pois tamén se agarda que en xaneiro de 2009 saquen a película Hulk vs Thor e o vindeiro luns tamén estrearán o trailer de Hulk vs Wolverine, polo que a cousa parece que vai estar movidiña.
Por desgraza, algún iluminado decidiu que en España estas películas non tiñan saída, cando pola contra se editaron varios nefastos video comics en DVD, e para ver estas obras hai que acudir ás edicións norteamericanas ou incluso ás súas versións sudamericanas (que están dobradas).
Vendo que xa non se trata de 4 películas illadas, senón que van ter continuidade, e xunto co éxito que están a ter as películas de cine da Marvel, espero que alguén recapacite no futuro e se moleste a editar este material aquí, aínda que sexa nun pack. ¡E despois se queixan de que descarguemos películas da Internet! ¡Qué remedio!
5 Xullo, 2008
Debe estar conectado para enviar un comentario.