O iPhone 3G podería ter uns prezos moi atractivos

Sabemos que o prezo máximo de venda ao público do iPhone 3G é de 199 euros, podendo ser máis baixo segundo a cota mensual contratada con Movistar, pero o...

Sabemos que o prezo máximo de venda ao público do iPhone 3G é de 199 euros, podendo ser máis baixo segundo a cota mensual contratada con Movistar, pero o último rumor (que podería ser un bulo tremendo) apunta a uns prezos moi atractivos:
iPhone 3G con Movistar
Segundo o cartel o iPhone de 8 Gb custaría 99 euros, e o de 16 Gb estaría a 199 euros, tendo que asinar un contrato cun compromiso de permanencia de 24 meses con tarifas planas de datos que custarían 15 euros/mes (baixando de velocidade trala descarga de 200 Mbytes) e 25 euros/mes (baixando de velocidade tras 1 Gbyte de transferencia).
De ser certas estas tarifas non hai ningunha dúbida de que van vender iPhones coma churros (rematando coa maldición dos vellos iPhone, que tiveron unhas vendas relativamente malas en Europa), pois 15 euros/mes serían unha franquicia aceptable para a meirande parte da xente que sabe que así poderá levar a Internet no peto para consultar os resultados deportivos, os rueiros, os prognósticos meteorolóxicos, etc. Amais, tamén pode supor un importante aforro en SMS (por substituílo polo e-mail, xa que o novo iPhone pode incorporar correo push).
Supoño que ata o 11 de xullo non teremos ningunha confirmación oficial das tarifas (que son moito máis importantes que o prezo do terminal), pero sospeito que Movistar vai ter lista de espera para facerse co iPhone 3G, aínda que por fortuna o lanzamento é lonxe do Nadal (que se non o tempo de espera para facerse co novo móbil sería brutal).

ACTUALIZACIÓN: En GSMSpain publican máis detalles sobre esas tarifas, o que lles dá redibilidade. Segundo parece, ao mercar o iPhone hai que contratar unha das dúas tarifas planas de datos, independentemente do plan de voz que nos compense (o máis barato é de 9 euros/mes).
Hai que entender que se non controlas, un iPhone sen tarifa plana de datos é ridículo, pois a meirande parte das súas características dependen de conexións á Rede. Ou sexa, que cousas coma o GPS funcionan descargando os mapas da Rede en tempo real. Entendemos así que un iPhone 3G sen tarifa plana é bastante absurdo (agás que sempre esteamos en lugares con cobertura Wi-Fi) e dubido que Telefónica deixe adquirilo en tal servizo porque seguro que lles daría moito traballo e mala imaxe (servizos que non funcionarían, xente que se queixaría porque lle cobran conexións á Rede que non fai cando o certo é que o iPhone se pon a andar pola Rede para mil cousas que non son nin o correo nin a web, etc.).
Vaia, que o persoal das tendas de Telefónica vai cagarse en todos os mortos de Steve Jobs nas vindeiras semanas para explicar á xente o que fai o iPhone. Pobriños.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS