Cómo é o iPhone actual (dende o meu punto de vista)

Mañá, Steve Jobs vai facer unha presentación na que dará a coñecer o que será o novo iPhone, e para que vos fagades unha idea mellor do que será...

Mañá, Steve Jobs vai facer unha presentación na que dará a coñecer o que será o novo iPhone, e para que vos fagades unha idea mellor do que será este móbil e de se será axeitado para vós, falarei das miñas impresións do terminal actual.

O dispositivo
iPhoneO iPhone é un reprodutor multimedia mesturado cun móbil, que mide 115 x 61 x 11,6 milímetros e que pese 135 gramos, de xeito que aínda que resulte máis delgado que moitos móbiles do mercado, é un auténtico ladrillo no peto.
Non estamos a falar dun dispositivo tan delgado como parece, pois os reprodutores iPod classic xa son máis finos (10,5 mm) e os iPod nano si que destacan por tal elemento (só 6,5 mm).
Cando saíu moita xente dicía que non tiña botóns, o que nun principio critiquei moito, pero resulta que si ten varios botóns: no lateral esquerdo ten un interruptor para silenciar o dispositivo e botóns de control de volume, na parte superior ten un botón de acendido e na parte frontal ten un botón de inicio.
Na parte inferior tamén ten micrófono, altofalante (algo do que carece o iPod Touch) e porto típico nos iPod para conectar o móbil ao ordenador.
Un dos seus elementos máis polémicos é a inclusión dun porto para auriculares que non é estándar, de xeito que para conectar uns altofalantes ou uns auriculares distintos aos que veñen de serie (que inclúen un micrófono para usar coma mans libres do teléfono) hai que empregar un adaptador que, aínda que é barato, resulta antiestético e incómodo.

A pantalla
O punto forte do iPhone é, sen dubida, a súa pantalla, por dous motivos: é multitáctil e tan unha calidade abraiante.
O asunto de que a pantalla sexa multitáctil e non só táctil hai que admitir que resulta irrelevante. Coñezo moitos outros dispositivos que sen permitir o uso de varios dedos á vez fan máis cousas que o iPhone (coma copiar e pegar). Pero o que si é unha revolución é que funcione só cos dedos (e non con plumiñas). Outros trebellos que permiten o seu uso cos dedos (coma os MID de Nokia) tamén teñen plumiña, polo que este detalle supón un cambio de filosofía máis que unha funcionalidade.
Pero o que realmente está ben da pantalla é que a súa luminosidade é impresionante. As imaxes se ven moi ben, tanto nos vídeos como nas fotografías, compensando así a súa baixa resolución, pois nunha pantalla de 480 x 320 píxeles resulta bastante incómoda a lectura de páxinas web (en terminais os mencionados de Nokia, cunha resolución de 800 x 480 píxeles é moito máis doado acceder a servizos coma Gmail ou Google Reader, para o que non se precisa facer zoom para ler nada).
A pantalla ten un par de funcións pouco mencionadas, como son que a súa retroiluminación é dinámica, de xeito que se ilumina máis cando máis luz ambiental detecta, e cando achegamos o móbil á cara desactiva as funcións táctiles para que non focemos nas opcións accidentalmente.

O teléfono
Aínda que falemos do iPhone coma o teléfono de Apple, o certo é que é a peor función deste trebello, pois ten un formato moi incómodo (resulta pouco ergonómico) e pouca conectividade (non vai con 3G).
Ao non ter 3G, o terminal non permite enviar nin recibir MMS, aínda que o seu sistema de SMS resulta moi cómodo e atractivo (peor máis lento de utilizar que o dun móbil normal, pois hai que admitir que a xente consigue mellores velocidades cun teclado pequeno que cunha pantalla táctil).
Estas limitacións para min só teñen unha explicación: cando saíu o iPhone en EE.UU. a telefonía móbil ao outro lado do Atlántico aínda estaba moi atrasada. Así, por exemplo, o Bluetooth do iPhone está capado, e só funciona coma mans libres monoaural, polo que o invalida para escoitar música decentemente e para enviar ficheiros a outros dispositivos (o que resulta moi frustrante).
Da autonomía, moitos din que é mala, e teño que confirmar que iso é relativo. Estamos ante un móbil que aguanta ata 8 horas en conversa e 250 horas en espera, o que está bastante ben, e confirmo que si se mantén, pero o que pasa é que se un día determinado abusamos das funcións que non son de telefonía a autonomía cae en picado, xa que chega con conectarse 6 horas á Rede para esgotar a batería. Iso supón un gran problema porque a batería non é intercambiable, ou sexa, non podemos levar enriba unha batería de reserva (algo moi habitual entre usuarios corporativos).
De todos os xeitos, para min o principal problema do teléfono continúa a ser a súa ergonomía: é case imposible contestar ou facer unha chamada a cegas, non se pode aguantar o terminal entre o ombro e a orella (porque é moi escorregadizo) e o resulta moi pesado para mantelo xunto a orella durante unha conversa medianamente longa.

O reprodutor multimedia
o reprodutor multimedia do iPhoneHai que admitir que o motivo polo que continúo a usar o iPhone é porque me resulta moi cómodo coma reprodutor multimedia, xa que me serve para pór música no coche e non o esquezo nunca porque sempre levo o móbil enriba.
A reprodución de vídeo vai moi ben pola calidade da imaxe, e a reprodución musical tamén é magnífica, de xeito que a principal virtude deste reprodutor tamén se podería dicir que é o seu principal defecto: iTunes.
Para cargar contidos (tanto música coma vídeos) hai que andar cargándoos en iTunes e logo sincronizando co ordenador, o que é unha carallada para xente coma min, pero que moitos usuarios algo ñes agradecen.
Unha cousa que adoro con respecto a outros reprodutores é que na reprodución de ficheiros de son moi longos (coma podcasts ou programas de radio completos) podemos saltar a un minuto determinado, ou sexa, que non hai que andar dándolle a avance rápido durante 5 minutos para situarnos no punto onde deixamos o tema outro día (o que tamén lembra o reprodutor, aforrándonos ese traballo). Aínda así, ao facerse o proceso cos dedos sobre a pantalla ten pouca precisión, de aí que moitos usuarios de reprodutores iPod prefiran a roda de menú tradicional (que hai que admitir que é unha das interfaces de uso máis cómodas que existen).
Pero aínda que co audio o iPhone reproduza os ficheiros máis habituais (ou sexa, que aínda que non soporte WMA, si soporta MP3, que é o formato rei) pero co vídeo a cousa limítase ao formato MPEG-4 co codec H.264, ou sexa, vídeos pensados para os iPod e iPhone, polo que para ver material descargado da Internet temos que convertelo (un coñazo).

O navegador web
Safari e Mapas no iPhoneAo incluír Wi-Fi, un dos usos máis atractivos do iPhone é acceder á web a través do seu navegador Safari, que funciona con bastantes páxinas web, destacando polo feito de que redebuxa os textos segundo o nivel de zoom que fagamos (hai que andar ampliando constantemente os parágrafos para poder lelos comodamente por culpa da pouca resolución da pantalla) o que fai que a lectura non sexa mala, pero hai unha limitación que atoparán moitos usuarios: as páxinas web que usan Flash non se verán, o que tamén impide ver os vídeos que aparecen incrustados en moitas páxinas web.
Tamén hai que utilizar sempre un teclado virtual (en pantalla) para poder introducir o enderezo de páxinas web ou encher formularios, polo que resulta unha experiencia bastante diferente ao que estamos afeitos. Unha vez acostumados resulta unha ferramenta para acceder á web en calquera lugar.
Moitas páxinas web adaptaron a súa aparencia para asemellarse á interface do iPhone, o que nalgúns casos é xenial, e noutros resulta patético. Eu normalmente prefiro ver as webs coma no ordenador, e as versión de servizos coma Google Reader para o iPhone parécenme patéticas, pois non permiten facer unha lectura como a que facemos normalmente nunha pantalla dun PC.
Cómpre destacar que o Safari para o iPhone é o navegador móbil máis utilizado do mundo pese a que o número de terminais sexa moi limitado, o que indica que creou un uso, que marca unha tendencia de futuro. Xa non se pode entender unha páxina web marxinando aos usuarios móbiles (pois estes poderían fuxir a outros servizos da competencia).

Os programas incluídos de serie
O iPhone de fábrica vén cunha serie moi limitada de aplicacións:
-Mensaxes: para mandar e ler SMS
-Calendario: atractiva axenda moi cómoda de utilizar
-Fotos: una das aplicacións estrela do iPhone que permite ver imaxes en formato horizontal e vertical (xiran só con xirar o terminal). Para moita xente o iPhone é máis un teléfono cun visor de fotos que cun reprodutor multimedia
-Cámara: permite sacar fotos nefastas co iPhone (ten unha das peores cámaras do mundo)
-YouTube: accede aos vídeos de YouTube para poder velos a pantalla completa e cunha calidade normalmente mellor que a que se presenta en páxinas web
-Bolsa: cotizacións bolseiras (podíano aforrar)
-Mapas: acceso a Google Maps con localización baseada en antenas Wi-Fi e de telefonía móbil (ou sexa, menos precisión que un GPS)
-Tempo: consultar o tempo actual e futuro en distintas cidades (acepta localizacións galegas, aínda que sospeito que cando vexo os datos de Melide en realidade me presenta os de Santiago de Compostela)
-Reloxo: permite consultar a hora en distintos lugares do mundo, pór alarmas, usar un cronómetro e programar un temporizador para que o iPhone se apague automaticamente (o uso todas as noites para durmir escoitando podcasts)
-Calculadora: básica, pero útil
-Notas: un imprescindible caderno, que serve tanto para facer a lista da compra como para tomar apuntes, separando os contidos en distintas follas
-Axustes: a completa configuración do terminal
-iTunes: para poder acceder directamente á compra de cancións dende o reprodutor (si,si… la, la…).
Como vedes, a listaxe de aplicacións preinstaladas é moi reducido, e se o terminal quedase aí sería unha merda pinchada nun pau, pero por fortuna lograron desbloquear o iPhone para instalar outras aplicacións.

Aplicacións non oficiais
A versión actual do iPhone comezou a venderse pola operadora norteamericana AT&T, polo que o seu uso fóra dos EE.UU. nun principio estaba vetado, pero conseguiuse grazas a que lle atoparon as cóxegas ao móbil, chegando a 3 capas de desbloqueo:
-activación: de fábrica o iPhone ten o móbil desactivado, de xeito que hai que darse de alta en AT&T para que comece a funcionar de xeito completo
jailbreak: chámase así ao método para instalar aplicacións non oficiais no iPhone
unlock: sería o proceso que normalmente chamamos liberación nos móbiles, pero que no caso do iPhone quedou claro que son 3 procesos distintos. O unlock permite utilizar o iPhone dende calquera operador do mundo (eu úsoo con Vodafone).

Os distintos procesos converteron o iPhone dun móbil pijo a un ordenador de peto, que comezou a contar con aplicacións desenvolvidas polos seus seguidores que corrixían moitas das eivas do móbil.
Eu considero moi interesantes as seguintes aplicación:
-Search: permite buscar entre os nosos contactos
-Contactos: permite acceder á listaxe de contactos sen entrar na opción de teléfono do iPhone
-iSMS: permite borrar os SMS un a un, ver o número de caracteres dunha mensaxe para non pasarnos e que nos cobren 2 e outras funcións interesantes que teñen case todos os teléfonos do mundo, pero das que carece o iPhone
-MxTube: un programa para descargar no iPhone os vídeos de YouTube (para velos cando non teñamos acceso á Rede)
-LEDBanner: para simular un letreiro de diodos LED
-Convert: un conversor de unidades (o que tamén teñen moitos móbiles)
-Sketches: un programa para debuxar na pantalla do móbil co dedo, o que resulta cómo para facer esquemas sen ter que empregar servilletas nun bar
-Pianist: para tocar o piano na pantalla do iPhone
-Band: para tocar unha chea de instrumentos no iPhone
-iRadio: permite escoitar varias radios de Internet
-Music Quiz: xogo que consiste en identificar cancións con escoitar os seus primeiros segundos
-TTR: unha especie de Guitar Hero para o iPhone
-VNotes: unha gravadora de voz (fundamental para moitos)
-ScreenShot: para sacar capturas da pantalla do terminal
-Maps Offline: permite consultar os mapas de Google cando esteamos sen conexións á Internet
-iSolitaire: o xogo do solitario
-Labyrinth: un xogo de mover unha bola por un labirinto… movendo o iPhone
-Pool: un xogo de billar
-Chuzzle: un xogo moi atractivo visualmente
-iBirthDay: un programa para consultar os aniversarios da nosa axenda, algo que incomprensiblemente esquece o iPhone (¿para qué garda as datas de nacemento dos nosos amigos se non as usa para nada?).

Tamén hai varias aplicacións para poder recibir e enviar mensaxes MMS e están a piques de presentar o VLC, ou sexa, un reprodutor multimedia que nos permitiría ver vídeos en DivX (e moitos outros) no iPhone, o que se agradecerá moito.
Xa hai moitos xogos, e incluso hai emuladores de varias consolas de videoxogos para rememorar vellos títulos nos iPhone. A instalación destas aplicacións é moi doada, pois na meirande parte dos casos só hai que seleccionala dende unha aplicación chamada Installer e darlle ao botón de instalar (si, tan doado como parece).
En definitiva, que os usuarios se buscaron a vida para que o iPhone faga moitas cousas que dende Apple non tiñan pensado. Vendo iso van lanzar unha especie de tenda de aplicacións esta semana, pero chega moi tarde. Coido que van a coexistir as aplicacións oficiais coas non oficiais, pois está clarísimo que os programas para liberar o iPhone ou emular consolas non van poder venderse legalmente na tenda virtual de Apple.

Conclusión
Para resumir podería dicir que o iPhone e un excelente reprodutor multimedia, que permite navegar pola web mediante Wi-Fi, que nos serve para xogar no tempo libre e que é un teléfono mediocre ao que lle falta moitas cousas.
A súa cámara fotográfica é malísima e o peso do terminal e excesivo, pero a integración de dispositivos fai que sexa moi atractivo. Non penso que sexa algo recomendado para calquera, e se non estás á ultima, probando aplicacións novas constantemente e tirando partido dos pequenos detalles non paga a pena apostar polo iPhone, en caso contrario resulta imprescindible.
Agora ben, moitos dos defectos que menciono hoxe vanse a esquecer mañá. Vaise presentar o novo iPhone, e posiblemente se venda en España a un prezo decente. As posibles novidades serían:
-conectividade 3G
-GPS de verdade
-tamaño e peso un pouco máis reducidos
-máis capacidade (hoxe o iPhone se vende o 8 ou 16 Gb)
-cámara mellor (aínda que temo que van aumentar os megapíxeles e non a calidade)
-firmware 2.0 (que incluirá moitas melloras, aínda que a máis importante sería a App Store para mercar xogos e aplicacións para o iPhone)
-soporte de correo push (actualmente vai con e-mail POP3 ou IMAP, pero non con tecnoloxías comparables ás Blackberry)
-carcasas de cores (triste, pero case seguro que vai ser unha das innovacións que mellor vai recibir o iPhone)
-videochamada (non é un servizo popular, pero se ten 3G o normal é que engada tal opción)
-mellor batería (pois o 3G tamén chupa máis corrente)
-sincronización sen fíos (poder sincronizar os nosos contidos sen ter que conectar o iPod ao PC valéndose da conectividade Wi-Fi)
-integración co servizo que collerá o relevo de .Mac (para facer doado compartir os contidos do iPhone na web)

En definitiva, que non é de agardar que presenten nada que non teñamos visto antes. Iso si, coido que nos van meter un susto no corpo cos prezos dos xogos (falan de que poderían custar ata 15/25 euros).
Sobra dicir que Telefónica vai vender o iPhone en España,e o podería facer a un prezo moi atractivo, pero en tal caso incluiría un compromiso de permanencia nun contrato cunha tarifa plana de datos, o que podería asustar bastante. Falariamos igual de 40/50 euros/mes durante 18 meses, o que de sobra pagaría o iPhone, polo que case o podería regalar, aínda que eu supoño que non se atreverán a vendelo (ao principio) a menos de 199 euros para non ameazar ás vendas dos iPod de Apple.
Mañá seguirei a falar do tema, coas miñas impresións do que diga Steve Jobs.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS