Dende o PP de Melide avisáronme a pasada semana de que remitiran unha carta ao director da Voz de Galicia, e por fin puiden conseguir unha copia do texto:
Eu non acabo de ver a necesidade da polémica autovía (que non autopista), aínda que tamén entendo que en caso de facerse non entrecortaría nada. Vaia, que non me parece que se poida establecer unha analoxía entre pór unha saída preto dunha vila con facer que unha infraestrutura viaria pase por unha poboación.
Está claro que localismos coma os que fan que a estrada vella entre Santiago e Coruña atravese Ordes e Sigüeiro son moi malos para o país (e dubido moito que Sigüeiro, o principal atasco desa vía, se beneficie moito do colapso de tráfico que se monta alí ás 8 da tarde), pero que se reinvindique que unha autovía se achegue a un polígono industrial parece o máis normal do mundo, especialmente se vemos que tal trazado sería máis curto.
A autovía é un tema que xera moita polémica en Melide, coma o asunto da contratación de persoal por parte do Concello (e do que había un papel circulando pola vila a pasada fin de semana, do que non conseguín copia). Achegar información obxectiva do tema é moi complicado, pois é moi doado manipular os datos e confundir despidos con non renovacións de contrato, subvencións con pagos a conta de terceiros ou valía profesional con enchufismo. Vaia, que calquera pode facer demagoxia co tema, polo que o mellor xeito de clarexar o asunto coido que podería ser cun contraste de pareceres en vivo, ou sexa, cun debate entre as 3 forzas políticas de Melide. ¿Volverán os debates a Dez TV ou a outras televisións locais? Acaso, ¿non son precisos estes espazos fóra do período electoral? A min gustaríame ver un programa así cada 6 meses ou, cando menos, cada ano, para poder ter constancia de que se move algo na política local, pois as vilas non son como as cidades, nas que os medios de comunicación locais dan conta de todo diariamente.
Debe estar conectado para enviar un comentario.