14 Abril, 2008
Hoxe en Voces de Galicia o seu presentador quixo mandar un saúdo á xente que escoita as miñas intervencións en RadioVoz dende esta web:
Hoxe falamos un pouco da febre dos ultraportátiles que chega mañá a España da man de Airis cos seus Kira (que sorprenden pola súa gama de cores). Eu non recomendo apostar por equipos de Airis, porque teño moi malas referencias da empresa, e porque estes equipos teñen unha pantalla moi cativa. Por un prezo semellante nos vindeiros meses aparecerán outros modelos con pantalla de entre 8 e 9 polgadas cunha resolución de 1.024 x 800 píxeles (ou algo semellante) pois con 800 x 480 hai moitos contidos da Internet que non se ven como é debido (agora as webs están formateadas a 1.024 píxeles de ancho).
Logo, sobre o de falar por teléfono dende o avión reafírmome en que me parece un pesadelo ter ao lado durante unha viaxe a unha persoa falando por teléfono e tamén en que 169,99 euros polo xogo completo de Rock Band me parece unha burrada. ¡¿Cómo pode custar un xogo máis que unha PS2?!
Iso si, hai que admitir que o micrófono, a guitarra e a batería poden converter a experiencia de xogo en toda unha festa cando te xuntas cos amigos, aínda que o que parece claro é que non paga a pena mercar o xogo para PS2 ou Wii, senón que habería que optar pola PS3 ou a Xbox 360 para poder mercar novas cancións descargables pola Rede (para poder amortizar mellor os periféricos).
Por último quero pedir desculpas pola calidade do son do corte que puxen, pero se me escarallou a radio USB e gravei directamente o sinal da emisión de RadioVoz a través de Internet 🙁
Espero solucionar o problema en breve.
ACTUALIZACIÓN: Segundo parece, por 169,99 euros só venderían os instrumentos de Rock Band, ao que habería que engadir os 69,99 euros do propio xogo, ou sexa, uns 240 euros polo xogo completo, ou sexa, que non só custaría máis que unha PS2 senón que sería máis caro que unha Xbox 360 e custaría case o mesmo que unha Wii 😮
Sospeito que tal información é un erro, e que realmente o xogo cos accesorios custará 169,99 euros, pois nos EE.UU. o xogo cos instrumentos está a entre 159,99 e 169,99 dólares segundo a versión (a de PS2 é a máis barata).
Debe estar conectado para enviar un comentario.