Onte a canle de televisión local compostelá Correo TV contou no seu programa de debate coa presenza de Rubén Cela, director xeral de Xuventude; Xavier Alcalá, enxeñeiro de telecomunicacións e escritor (entre moitos outros méritos); Berto Yánez, fundador de Chuza; e un servidor, para falar da situación das TIC en Galicia:
Susana López convidounos ao Faladoiro para tratar de xeito global o panorama tecnolóxico galego, e así comentamos a problemática da fenda dixital, o galego na web, o éxito de Xuventude Galiza Net (evento que cambiará moito para o vindeiro ano), a revolución da televisión e o consumo audiovisual, a ubiquidade da conexión á Rede e a dependencia da xente da tecnoloxía.
Eu xa sabía que asistirían Rubén Cela e Berto Yáñez, pero a presenza de Alcalá pilloume por sorpresa, e foi toda unha alegría, pois había moito que non me topaba con Xavier en persoa. Sempre é un pracer falar con el.
Rubén Cela tamén me pareceu moi simpático, e fai máis uso da tecnoloxía do que fai crer 😉
E de Berto, ¿qué podo dicir deste chuceiro que non saibades? ¿Que aínda non ten un iPhone? E que despois do programa estivemos botando un repaso das funcionalidades do móbil de Apple, e das caralladas que se poden facer con el. Comentoume que tiña que contar no blogue ese tipo de cousas, así que nas vindeiras semanas igual abro unha categoría para ir contando os detalles máis frikis do iPhone antes da súa comercialización en España.