Esta mañá pasei polo programa Voces de Galicia de RadioVoz para comentar con Isidoro Valerio a actualidade tecnolóxica, xusto despois dunha entrevista a unha representante dunha asociación de consumidores que criticaba os abusos das operadoras de telefonía:
Falei da posible rebaixa do canon dixital (que se reduciría nos móbiles e se eliminaría en discos duros externos e gravadores de vídeo dixitais) e a impresionante baixada de prezo da Xbox 360, que a 199,99 euros é xa a consola de nova xeración máis barata, seguida pola Nintendo Wii a uns 249 euros e a PlayStation 3 a uns 399 euros.
Está claro que a PS3 vai arrasar, pero mentres non chega ese momento a Xbox 360 é unha opción caralluda para os que teñan un televisor de alta definición, aínda que sexa só para ver películas descargadas da Internet (lembremos que a Xbox 360 se leva moi ben con Windows). Como efecto colateral da rebaixa da Xbox 360 podería vir a agardada rebaixa da Wii, que é carísima se temos en conta que se trata dunha consola que non soporta alta definición nin reprodución de DVD.
A consola que comeza a ter os seus días contados é a PS2, que coa rebaixa da Xbox 360 xa non ten un prezo tan competitivo, aínda que hai que admitir que o catálogo de xogos para PlayStation 2 non ten parangón.
O temas dos portátiles tamén me parece apaixonante, pois hai uns anos aínda se discutía sobre se o portátil podería quitarlle o posto ó sobremesa (e hoxe xa hai máis portátiles nos fogares) e agora o debate está nos tipos de portátil que chegarán: equipos con soporte de alta definición (coma o Aspire Gemstone Blue, que ten Full HD e Blu-ray a un prezo relativamente moderado), os portátiles de baixo custo (coma o Asus Eee PC e os seus rivais) e agora incluso con alternativas ó Macbook Air. ¿Cal imperará?
A min dame a impresión de que os equipos cargadiños van a continuar a venderse moi ben para ocupar o lugar do equipo sobremesa, mentres que os usuarios que precisen dun segundo ordenador poderían optar por un de baixo custo (máis portátil, tanto en tamaño coma en autonomía). Paréceme máis difícil que os equipos tipo Macbook Air arrasen, pois combinan alto prezo con baixas prestacións, ou sexa, que están perigosamente no medio dun mercado moi dinámico. Iso si, o ordenador de Apple venderá ben por imaxe (o que non teñen os seus imitadores).
Debe estar conectado para enviar un comentario.